Galicia asume a coordinación autonómica en materia de emprego e asuntos sociais na Unión Europea

A comunidade toma o testemuño a Castela A Mancha para actuar ante o Consello da UE durante este primeiro semestre de 2022, que coincide coa presidencia francesa

Entre as liñas estratéxicas da UE figuran na actualidade o desenvolvemento dun novo modelo de crecemento con traballos de calidade, cualificados e mellor remunerados

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

Galicia abre un novo período de seis meses como coordinadora dos intereses de todas as comunidades españolas no Consello da Unión Europea en materia de emprego, asuntos sociais e igualdade, un rol no que toma o testemuño a Castela A Mancha.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, xunto coa directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, asistiron onte por videoconferencia ao acto de traspaso desta representación que ostentará Galicia os primeiros meses de 2022.

A comunidade actuará deste xeito ante o Consello da UE, institución que reúne aos 27 Estados membros para negociar e adoptar a lexislación comunitaria, na maioría de casos xunto co Parlamento Europeo. En materia de emprego e política social, este órgano coordina, ademais, as políticas nacionais, elaborando directrices e recomendacións anuais aos Estados membros.

Este semestre, o Consello da UE está presidido por Francia, país que asume como obxectivos o impulso da competitividade europea, mediante o fomento dun novo modelo de crecemento que ofreza a traballadoras e traballadores empregos de calidade, cualificados e mellor remunerados. A este respecto, están a debate no seu seo dúas propostas de directiva para asegurar uns salarios mínimos adecuados na UE e para mellorar as condicións dos traballadores das plataformas dixitais, así como dúas recomendacións sobre as chamadas "contas de aprendizaxe individuais" e sobre o impacto social e laboral da transición climática.

En materia de Igualdade, o órgano europeo está a negociar unha directiva para garantir a igualdade de retribución por un mesmo traballo e outra sobre a representación feminina nos consellos de administración das grandes empresas.

No relativo á inclusión social, o Consello analiza a posta en marcha da denominada Garantía Infantil Europea, que os Estados membros adoptaron o ano pasado co obxectivo de reducir en cinco millóns (dos 18 existentes) de aquí o 2030 o número de nenos e nenas en risco de pobreza ou exclusión social. Tamén proseguirá este semestre cos traballos da Plataforma Europea para Combater o Senfogarismo, creada en 2021 co obxectivo de acabar nun horizonte de nove anos.

Participación autonómica no Consello da UE

Desde o ano 2005, as comunidades autónomas participan en determinadas formacións do Consello da Unión Europea, en aplicación dos acordos do 9 de decembro de 2004, adoptados pola Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE).

O modelo contempla -dentro do principio de unidade de representación exterior do Estado e de lealdade institucional- a presenza directa no Consello da UE de representantes autonómicos, con rango de conselleiro, en diversos niveis: grupos de traballo e Consello de Ministros. Así o representante autonómico se incorpora á delegación española nas reunións deste órgano como voceiro de todas as comunidades e pode solicitar o uso da palabra se as cuestións a tratar afectan a competencias autonómicas e existe unha posición común.

A actual é a cuarta ocasión en que Galicia asume a representación autonómica en materia de emprego e asuntos sociais.

Imaxes relacionadas