A Xunta e a USC colaborarán nun proxecto dixital que busca avanzar no estudo do neofalantismo

A iniciativa, impulsada polo grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, constará dun portal web de noticias arredor da lingua galega e dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste proxecto iniciado a finais do ano pasado e que será desenvolvido en tres fases ata 2023

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborarán nun novo proxecto dixital que, a través nas novas tecnoloxías, busca avanzar no estudo do neofalantismo. Un proxecto de tres anos de duración dividido en tres fases e co que o Goberno galego e a USC pretenden impulsar e poñer en valor o neofalantismo e as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía.
A iniciativa, impulsada polo grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, analizará como está a ser o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao idioma propio de Galicia. Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, declarou que é importante que as institucións colaboren “para desenvolver iniciativas orientadas a coñecer e animar a aquelas persoas que incorporan o galego á súa vida”. “As institucións e sociedade debemos apostar por esas persoas e as poñamos como exemplo para outros mozos e mozas, igual que elas apostaron por todos nós ao escolleren a lingua que nos identifica e nos une como galegos”, declarou.
Canda o representante autonómico tamén interviñeron nesta presentación, que acolleu a Facultade de Ciencias da Comunicación, Antonio López, reitor da USC; Xosé Ramón Pousa e Alba Silva, decano e vicedecana, respectivamente, da dita Facultade, e Xosé López, director do grupo de investigación Novos Medios.

neofalantes.gal

O proxecto, iniciado a finais do 2021, será desenvolvido ata 2023 en tres fases. Na primeira delas, deseñouse un sitio web, neofalantes.gal, un portal de noticias xa activo que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego. O portal conta con varias seccións: sobre o mundo neofalante, sobre a actualidade da lingua galega, sobre investigacións lingüística, sobre polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais, contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo nas máis atractivas para a mocidade, como son Instagram e TikTok, aínda que tamén terá canle de YouTube, Facebook e Twitter.

Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego. Unha rede que, segundo as previsións, estará activa a finais de ano.
Xa nunha terceira fase, que se levará a cabo no 2023, a web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, especialmente no mundo lusófono, a través da lingua galega.

Imaxes relacionadas