Lete Lasa destaca a oportunidade da nova Lei do Deporte e reivindica a realidade galega como exemplo de “boa xestión e saber facer”

Salienta a "necesidade" da iniciativa para achegar un punto de partida e pon enriba da mesa cuestións interesantes e de valor significativo

Madrid, 31 de xaneiro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe nas xornadas parlamentarias para debater o proxecto da nova Lei do Deporte, celebradas na Sala Constitucional do Congreso dos Deputados. O mandatario galego tomou a palabra na mesa de debate ‘Visión xeral da Lei do Deporte’ para incidir na importancia dunha “nova norma deportiva no contexto nacional que conte cun amplo consenso para ordenar o sector e que teña en conta a realidade galega, un exemplo de boa xestión e saber facer como se reflectiu nos últimos Xogos de Toquio, onde unha de cada tres medallas nacionais olímpicas e unha de cada sete paralímpicas foron galegas”.

Neste sentido, Lete Lasa salientou a "necesidade" da iniciativa para achegar un punto de partida e poñer enriba da mesa cuestións interesantes e de valor significativo como as normas de gobernanza das federacións deportivas, a apertura de portas ao Estatuto do Deportista e ao regulamento das profesións do deporte. Un traballo comenzado no ano 2017 cando o propio José Ramón Lete Lasa ocupaba o cargo de secretario de Estado para o Deporte.

Na súa quenda de palabra, o máximo responsable deportivo da Xunta de Galicia reclamou un sistema de financiamento necesario non só para o deporte de alto nivel, senón tamén desde a base; apuntou cara a necesidade de establecer unha estratexia da actividade física e da loita contra o sedentarismo; reivindicou un maior protagonismo para os adestradores e árbitros e unha maior participación das comunidades autónomas no referente ao recoñecemento dos deportistas de alto nivel. Asemade, subliñou a importancia de fixar con maior concreción as funcións públicas delegadas.

Cara a fin da súa intervención, Lete Lasa defendeu o asociacionismo deportivo e a necesidade de conceder máis e mellores oportunidades aos clubs sen “deixalo todo nas mans dos dereitos das televisións”. “Se non hai público, se non hai afeccionados, o deporte desaparece”, concluíu.

Imaxes relacionadas