O delegado territorial da Xunta na Coruña, acompañado do director xeral do IGVS, visitou esta mañá unha vivenda unifamiliar de Mazaricos que recibiu unha subvención en 2021

As axudas á rehabilitación de vivenda no Camiño de Santiago, de ata 25.000€, poden solicitarse desde mañá

Gonzalo Trenor lembra que este programa, dotado con 726.000 €, está dirixido aos veciños de 126 concellos galegos que se localizan nunha das nove rutas

Os interesados poden recibir subvencións para facer obras de mantemento do inmoble, así como mellorar a eficiencia enerxética ou as condicións de accesibilidade

Mazaricos (A Coruña), 31 de xaneiro de 2022

A Xunta abre a partir de mañá o prazo para solicitar axudas á rehabilitación de vivendas nos concellos que se localizan na Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago, que poderán optar a unha subvención de ata 25.000 euros por inmoble.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, visitou esta mañá en Mazaricos unha vivenda unifamiliar que recibiu unha axuda ao abeiro desta ARI en 2021.

Gonzalo Trenor indicou que este programa de incentivos beneficia directamente aos veciños dos 126 concellos que integran nunha das nove rutas desta área supramunicipal e está dotado dun orzamento de 725.722 euros.

As actuacións subvencionables son as obras de mantemento a fin de adecuar os edificios á normativa vixente, aquelas coas que se mellore a eficiencia enerxética das vivendas, así como as que adapten as condicións de accesibilidade.

Durante a visita, o delegado territorial invitou aos veciños dos concellos da provincia da Coruña e do resto de Galicia a solicitar, antes do 30 de setembro, unha axuda para mellorar as súas propiedades, e sumarse así á listaxe de beneficiarios deste programa, xestionado directamente polo Goberno galego, que no ano pasado acadou a cifra máis alta de persoas do históricos de convocatorias: 135.

Por último, tamén destacou que Mazaricos, con 9 subvencións, foi en 2021 o terceiro municipio —despois de Mondoñedo (15) e Santiago de Compostela (11)— no que máis se concederon, o que se traduciu nun orzamento de 76.354 euros. Precisamente, un dos beneficiarios neste concello foi José Baña, propietario da vivenda visitada hoxe, que accedeu a unha axuda de 9.500 euros para cambiar a cuberta.

“Os veciños de Mazaricos, como demostraron o ano pasado, teñen un gran afán pola rehabilitación de vivenda e pola conservación da contorna do Camiño de Santiago. Neste segundo ano do Xacobeo 21-22, animamos de novo a todos os galegos a que se acollan a este programa de incentivos e fagan unha Galicia Mellor”, subliñou o delegado territorial.

Imaxes relacionadas