Remata a humanización da Praza de Méndez Núñez de Portonovo, financiada pola Xunta coas axudas para mellora de infraestruturas municipais

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, supervisan o remate dos traballos, nos que se investiron 113.000 € cunha achega do 70% por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

A actuación consistiu na reforma da praza, de 500 m², con catro plataformas horizontais e mobiliario urbano e a supresión do tráfico para favorecer a mobilidade peonil e a confortabilidade da trama urbana

Sanxenxo, 31 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, financiou as obras de urbanización, humanización e reforma da Praza de Méndez Núñez de Portonovo, no Concello de Sanxenxo, que rematarán esta mesma semana tras catro meses de obras.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, supervisaron esta mañá o remate dos traballos, nos que se investiron 113.000 euros cunha achega do 70% por parte do Goberno galego ao abeiro da orde de axudas para a creación e mellora de infraestruturas municipais en municipios de ata 20.000 habitantes.

“Hoxe é un día importante para Portonovo, xa que practicamente concluímos unha importante obra de humanización no seu centro urbano, pero é que ademais seguimos apostando por estas actuacións que favorecen a confortabilidade urbana e, dende a Xunta, xa estamos a traballar noutra mellora similar que permitirá remodelar máis de 800 metros da estrada PO-308 ao seu paso pola localidade, no treito entre o mercado e o cruce da Perla, que terá un investimento de 2,3 millóns de euros e que agardamos que poida comezar tras o verán”, revelou o representante autonómico en referencia ao convenio asinado este mesmo mes entre o Concello de Sanxenxo e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

En canto á humanización da Praza de Méndez Núñez, consistiu nunha actuación global nos seus 500 m², na confluencia de tres rúas da vila, coa creación de catro plataformas horizontais que conectan coa rúa da Marina e que dan acceso ás vivendas e locais de restauración desta contorna.
A obra, que pretende favorecer a mobilidade peonil coa supresión do tráfico na propia praza, incluíu muros de contención en formigón e acabados en empedrado gris, así como a diferenciación, nas rúas anexas, dos fluxos peonil e rodado, que se configurou en formigón de cor salmón.

A urbanización desta praza completouse coa dotación de diverso mobiliario urbano, como bancos, parterres con árbores, varandas metálicas como elementos de protección e luminarias.

Imaxes relacionadas