A Xunta explica ao sector a nova liña de axudas de 200.000 euros para mellorar os museos

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantivo hoxe un encontro con representantes dos concellos e entidades sen ánimo de lucro que poderán ser beneficiarias da iniciativa para dar información detallada e resolver dúbidas

O obxectivo deste novo apoio é mellorar as accións de catalogación, documentación, e fomentar a actualización e innovación así como a inclusión e accesibilidade

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, achegoulles hoxe a representantes de concellos e entidades sen ánimo de lucro titulares de museos, coleccións ou centros de interpretación as claves da nova liña de axudas impulsada pola Xunta para a mellora e difusión dos fondos museísticos. Nun webinario debulláronse os requisitos para beneficiarse desta nova medida destinada aos espazos inscritos no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, así como os importes previstos, o tipo de proxectos que poden beneficiarse e os criterios de valoración, entre outros aspectos.

Segundo indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a nova liña de axudas dispón dun orzamento de 200.000 euros, que se distribúen a partes iguais entre as entidades locais e as sen ánimo de lucro. Anxo M. Lorenzo animou os representantes a desenvolver as diversas accións subvencionables que prevé “esta nova iniciativa, que de seguro repercutirá nun mellor acceso da cidadanía aos fondos e coleccións”, apuntou.

O secretario xeral enmarcou a medida no impulso que lles está a dar a Xunta aos museos tras a aprobación o pasado ano da Lei de museos de Galicia. A liña de axudas creada responde especialmente aos obxectivos de “potenciar o traballo en rede nestes espazos, o diálogo constante co público, a investigación e a difusión, así como garantir a accesibilidade universal e a igualdade”, engadiu.

Máis innovación

Ao abeiro das novas axudas vaise apoiar o inventario, catalogación e documentación gráfica ou audiovisual en soporte dixital dos fondos materiais e inmateriais que compoñen as coleccións, así como a adquisición de equipamento para a conservación preventiva. Tamén son subvencionables as accións que permitan actualizar as exposicións permanentes, tanto no contido como na museografía, e a organización de mostras temporais acordes co ámbito territorial ou temático do centro. A Xunta tamén quere fomentar o papel divulgativo nos museos. Por iso, esta nova liña de axudas fomentará a realización de actividades didácticas ou lúdico-culturais e de traballos de investigación sobre o patrimonio arredor da temática do museo. Ademais, pretende mellorar a súa difusión ao gran público, polo que se apoiará a creación ou renovación das páxinas web.

Completan a listaxe os traballos de edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas, e a elaboración de documentos e estudos para a mellora e innovación na xestión, como plans museolóxicos, de comunicación ou medidas para a inclusión, entre outros. As accións deben desenvolverse desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro deste ano, data máxima para a súa xustificación.

Prazo ata o 21 de febreiro

Cada entidade beneficiaria poderá presentar unha única solicitude ata o 21 de febreiro. Deberá facerse a través da sede electrónica da Xunta e irá acompañada dunha memoria explicativa na que se describa a acción prevista e os seus obxectivos, entre outros datos. A contía máxima por proxecto será de 7000 euros, sen que en ningún caso poida superar o 80% do investimento total aprobado.

Canto aos criterios de valoración, puntuaranse as propostas que favorezan a creación de redes entre os centros museísticos, o horario de apertura ao público mantido en 2021, os proxectos que promovan a igualdade de xénero e a inclusión de elementos para a accesibilidade e o deseño universal. No caso das entidades locais, valorarase tamén a agrupación de concellos.

Reforzo da formación

Estas axudas dan continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso dos museos tras a aprobación, en 2021 da Lei de Museos de Galicia, coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das 87 institucións museísticas rexistradas na nosa Comunidade, tanto públicas como privadas.

Ademais a Xunta dá resposta aos obxectivos de 2022 para mellorar o acceso á cultura da cidadanía a través dos museos, bibliotecas e arquivos con proxectos como estes. Tamén se está impulsando a contratación de persoal en formación. Neste sentido, este ano se duplican as bolsas de formación en materia de museos, das que poderán beneficiarse 20 persoas, fronte ás oito da convocatoria anterior cun orzamento de 114.000€.

Imaxes relacionadas