Galicia recibe do actual modelo de financiamento 800M€ anuais menos do que lle custa á Xunta financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, ofreceu unha rolda de prensa para avanzar as alegacións de Galicia á proposta de poboación axustada formulada polo Ministerio de Hacienda

Subliñou que a Xunta aposta por un modelo de custe que lle permita contar con financiamento suficiente para prestar todos os servizos públicos autonómicos

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2022

Galicia recibe do actual modelo de financiamento 800 millóns de euros anuais menos do que lle custa á Xunta de Galicia financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais.

Así o explicou esta mañá o conselleiro de Facenda e Administración Pública nunha rolda de prensa na que avanzou as alegacións de Galicia á proposta de poboación axustada elaborada polo Ministerio de Hacienda –que só é un elemento concreto do sistema de financiamento- e que serán remitidas hoxe ao Ministerio.

Miguel Corgos explicou que Galicia aposta por un modelo de custe, é dicir, a Xunta quere contar cun financiamento suficiente para prestar todos os servizos públicos competencia da Comunidade Autónoma como a sanidade, a educación e os servizos sociais, para que todos todos os cidadáns teñan acceso a uns servizos de calidade similar independentemente de onde residen.

As alegacións á proposta do Ministerio

As alegacións de Galicia á proposta sobre poboación axustada formulada polo Ministerio de Hacienda contan coas aportacións dos expertos e dos grupos parlamentarios feitas no seo da Comisión de financiamento do Parlamento.

Na súa exposición, o conselleiro explicou que en sanidade, a Xunta non atopa xustificación para pasar de sete a 20 tramos de poboación, minorando o peso dos de máis idade respecto á situación actual. En base aos pesos do custe sanitario, o Goberno galego aposta por unha ponderación do gasto sanitario na banda alta da proposta, en concreto cun peso do 45%.

En educación, a comunidade galega cre que a variable que mellor reflicte o gasto educativo para as comunidades autónomas é o número de matrículas de alumnos no ensino público e no concertado ponderadas polo seu custe. A Xunta propón para esta variable un peso do 25%.

No que respecta ás políticas sociais, no caso da dependencia, o Goberno galego pide de novo que se reflicta o custe, crear tramos novos e que se pondere o custe real. A proposta consiste en ponderar a poboación de cada grupo polo seu custe en base aos diferentes graos de dependencia.

Neste ámbito a Xunta aprecia debilidades na ponderación da inclusión e bota en falta que non se midan outras políticas de gasto social como as de familia ou o apoio aos emigrantes. Para estas políticas de gasto cuestiónase a representatividade da variable proposta polo Ministerio.

En canto á dispersión, Miguel Corgos subliñou que a ponderación actual do 0,6% queda moi lonxe da cifra que debería ser compensada polo sistema. Neste sentido, lembrou que a dispersión provoca que Galicia teña un sobrecuste anual de máis de 500 millóns de euros e defendeu un incremento significativo desta variable ata polo menos o 1% e que se siga medindo en base ás entidades singulares, pois son a unidade poboacional que mellor reflicte a diseminación da poboación no territorio.

En definitiva, Galicia demanda un valor para a variable de poboación axustada que reflicta o custe diferencial de prestación de servizos, que permita financiar en igualdade de condicións a sanidade, a educación e as políticas sociais.

Imaxes relacionadas