A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde, Jorge Cubela, supervisou hoxe o resultado dos traballos do novo itinerario peonil e comprometeuse a continuar traballando en colaboración co concello para impulsar novas actuacións

Ethel Vázquez destaca o investimento de 800.000 € da Xunta e do concello de Cerdedo-Cotobade nunha travesía de Tenorio renovada, humanizada, máis segura e funcional

A Xunta achegou 550.000 € a esta actuación, executada ao longo de 1,5 km da arteria principal desta parroquia, proporcionando aos veciños máis espazo para camiñar, con 2 itinerarios que duplican o ancho das antigas beirarrúas e con bordo de protección

Dispúxose iluminación led, máis eficiente e que garante a visibilidade, e sinalización luminosa nos pasos de peóns para mellorar a seguridade

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a o investimento de 800.000 euros da Xunta e do Concello Cerdedo-Cotobade nunha travesía de Tenorio, renovada, humanizada, máis segura e funcional.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde, Jorge Cubela, supervisou hoxe o resultado dos traballos de execución da nova senda peonil, na arteria principal da parroquia de Tenorio, da que os veciños dispoñen desde o pasado mes de xullo, tras rematar o Concello as obras.

A conselleira puxo o acento no aproveitamento e o beneficio social que supoñen este tipo de investimentos públicos. Neste caso, un investimento conxunto das administracións autonómica e local, 550.000€ achegados pola Xunta, para favorecer os desprazamentos cotiás dos veciños que transitan a pé día a día por esta vía municipal.

A titular de Infraestruturas remarcou que a nova senda proporciona máis espazo para camiñar, con dous itinerarios cun ancho que duplica o das antigas beirarrúas e con bordo de protección, tanto pola marxe esquerda como pola marxe dereita da vía, ao longo de 1,5 km.

Referiuse tamén á iluminación renovada da nova senda, iluminación led máis eficiente e sustentable, para unha maior visibilidade e tamén para facer máis humana esta travesía. Tamén se dispuxo sinalización luminosa nos pasos de peóns para garantir unha mellor seguridade.

Destacou a creación dunha zona específica destinada ao aparcamento de vehículos, para dar un mellor servizo aos veciños, tendo en conta que nesta travesía se concentran os principais equipamentos: o centro de saúde, colexios, locais comerciais e numerosas vivendas.

Estas melloras completáronse coa execución de dous muros de contención, o retranqueo do saneamento e pluviais e do alumeado público, ademais do reforzo da sinalización.

Ethel Vázquez asegurou que a vontade do Goberno galego é continuar a traballar en colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade para impulsar novas actuacións de interese para o municipio.

Fixo fincapé tamén na colaboración co Concello nas súas competencias municipais de saneamento, achegando un investimento autonómico de 1,8 M€, para a execución da nova rede de colectores, novos bombeos e a construción dunha nova depuradora de augas residuais nesa parroquia de Tenorio, actuación rematada en abril pasado.

Avanzou, ademais, que a Xunta está agora mesmo coa supervisión do proxecto construtivo para ampliar a rede de saneamento ata o lugar da Torre Vella, executando varios tramos de colector que completen a rede actual da parroquia de Tenorio. Unha nova intervención que se financiará desde a Xunta cun investimento próximo aos 268.000 €.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén se referiu á forte aposta que vén facendo a Xunta polo transporte público, coa renovación e modernización de todas as liñas de transporte, con medidas sociais moi potentes, como a tarxeta Xente Nova, unha iniciativa de fomento do uso do autobús entre os máis novos na que Galicia é pioneira e que permite aos menores de 21 anos viaxar gratis nos autobuses da Xunta por toda a Comunidade.

Ethel Vázquez aproveitou para animar aos mozos deste municipio que aínda non teñen esta tarxeta a que a soliciten, porque supón importantes aforros para as súas familias e lles dá grandes facilidades para moverse. Concretou que neste momento 72 mozos de Cerdedo-Cotobade dispoñen da tarxeta Xente Nova, coa que o pasado ano, en 2021, fixeron máis de 2.600 viaxes de balde no autobús da Xunta.

Imaxes relacionadas