A Xunta apoia o equipo de ciclismo feminino Team Farto e aposta polo turismo deportivo e de natureza

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á presentación da aliñación do primeiro equipo ciclista profesional feminino de Galicia, que neste 2022 competirá por segundo ano consecutivo na división profesional europea UCI Continental

Alfonso Rueda destacou que contar cun equipo de ciclismo feminino como o Team Farto-BTC na elite mundial supón un plus para a promoción de Galicia e do Camiño de Santiago a nivel internacional

Pontevedra, 28 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a estreita relación do deporte co modelo de turismo que puxo de moda a Galicia o ano pasado, un turismo de calidade vencellado coa natureza, a paisaxe e as actividades ao aire libre. Así o explicou esta mañá na presentación da aliñación do Team Farto-BTC para este 2022, no que o primeiro equipo ciclista profesional feminino de Galicia volverá a competir por segundo ano consecutivo na categoría europea UCI Continental. Ao acto tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
Alfonso Rueda gabou o talento das integrantes do club dando á benvida ás novas fichaxes e resaltou o exemplo que supoñen para que as xeracións máis novas interioricen valores do deporte como o esforzo, o compañeirismo, a igualdade e a vida saudable.
Ademais, indicou que o feito de que o equipo pontevedrés afronte a súa segunda tempada en división profesional europea contribuirá a levar o nome de Pontevedra, as Rías Baixas e Galicia por toda España e tamén noutros países neste Xacobeo 21-22. Por iso, engadiu que contar cun equipo de ciclismo feminino como o Team Farto-BTC na elite mundial supón un plus para a promoción de Galicia e do Camiño de Santiago a nivel internacional.
Nesta liña, insistiu na importancia do binomio entre deporte e turismo para promocionar a comunidade galega como destino turístico seguro e de calidade e puxo como exemplo ás ciclistas que forman parte do equipo procedentes doutros países, que son as mellores embaixadoras na promoción dos nosos recursos nos seus lugares de orixe.
Tamén recalcou que probas do ciclismo como La Vuelta 2021, que o ano pasado percorreu as súas últimas tres etapas por Galicia como colofón na praza do Obradoiro, ou o Gran Camiño, que percorrerá ás catro provincias galegas do 24 ao 27 de febreiro, son eventos de impacto internacional que supoñen un escaparate de primeiro nivel para o turismo estranxeiro e para a difusión da marca Galicia como destino seguro e o Xacobeo 21-22, así como un factor de reactivación da ocupación hoteleira.
O Goberno galego aposta polo cicloturismo e polo seu potencial para a diferenciación da oferta turística galega, como demostrou coa creación das rutas BTT, a Rede Eurovelo, que coincide co itinerario do Camiño Francés e da Vía da Prata, ou a presentación o ano pasado da guía A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo.

Imaxes relacionadas