Galicia pon ao dispor do Goberno central e das comunidades autónomas o estudo realizado en 2018 para mellorar as competencias profesionais docentes

É froito dunha análise levada a cabo entre a Xunta, as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades e a rede de formación permanente do profesorado, do que no seu día se deu conta á Conferencia de Decanos de Educación

Con este traballo de carácter técnico e rigoroso e pioneiro a nivel do Estado, Galicia xa se ten adiantando de xeito proactivo aos cambios na carreira docente que agora quere levar a cabo a Administración central

Apóstase por elevar os estándares de prestixio e excelencia a través de tres efes: a formación inicial dos futuros profesores, a formación para o acceso á docencia e a formación continua para quen xa exerce

As melloras na carreira do profesorado deben sustentarse a través dun Pacto educativo baseado no diálogo entre todos os axentes educativos

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2022

Galicia vén de por a dispor do Goberno central e do resto das comunidades autónomas o estudo para a mellora das competencias profesionais docentes que concluíu en 2018 coas achegas do grupo de traballo constituído para tal fin en 2017 entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas e a rede de formación do profesorado.

Neste manual, -que no seu día tamén se deu a coñecer á Conferencia de Decanos de Educación de España-, apóstanse por elevar os estándares de prestixio e excelencia da carreira docente promovendo un cambio integral a través de tres efes: a formación inicial dos futuros profesionais que entran nas facultades de Ciencias da Educación, a formación para o acceso á docencia e a formación permanente do profesorado para asegurar a súa continua actualización.

O documento -que foi compartido co resto das administracións na reunión da Comisión General de Educación celebrada o xoves para abordar a carreira docente- establece un Marco de Competencias Profesionais Docentes en Galicia, no que se definen as competencias e habilidades básicas e necesarias que debe adquirir todo profesor.

Con este traballo de carácter técnico e rigoroso, e pioneiro a nivel do Estado, Galicia xa se ten adiantando de xeito proactivo aos cambios na carreira docente que agora quere levar a cabo a Administración central.

En todo caso, desde a Xunta reitérase que, dado a súa transcendencia, os cambios da función docente non se deben abordar dun xeito unilateral, senón a través dun Pacto de estado educativo que sexa o resultado de análise e de debate entre Goberno, comunidades autónomas e todos os axentes implicados.

Imaxes relacionadas