Alumnos da Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira fórmanse en protección marítima da man da Armada para facer fronte a episodios como a piratería

Instrutores do Terzo Norte de Infantería Mariña con experiencia en augas de Somalia amosaron aos estudantes do centro ribeirense diferentes exercicios e prácticas efectivas contra as posibles ameazas que poidan vivir os buques de pesca

Esta acción enmárcase na colaboración existente entre a Consellería do Mar e a Armada e ten como principal obxectivo a toma de conciencia e mantemento das condicións fixadas nos plans de seguridade

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2022

A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, dependente da Consellería do Mar, organizou esta semana nas súas instalacións un curso de Formación Básica en Protección Marítima dirixida ao alumnado dos ciclos formativos de formación profesional marítimo-pesqueira. Da man de dúas persoas instrutoras do Terzo Norte de Infantería Mariña de Ferrol con experiencia en actuacións levadas a cabo nas augas de Somalia, un total de 40 estudantes aprenderon a realizar exercicios e prácticas relacionadas con supostos de roubos a man armada ou coa piratería.
Así, o obxectivo do curso pasa por incrementar a protección marítima mediante a toma de conciencia e mantemento das condicións fixadas nos plans de seguridade, recoñecer os riscos e ameazas, comprender as necesidades de manter a vixilancia a bordo, realizar inspeccións periódicas e utilizar os equipos e sistemas de protección axeitados.
Enmarcada no acordo de colaboración existente entre a Consellería do Mar e a Armada, esta acción formativa está pensada para aqueles buques de pesca que traballan en zonas ou augas onde existen posibles ameazas para a protección, así como potenciais riscos sobre danos producidos por substancias e dispositivos perigosos, actuacións relacionadas coa piratería e os roubos a man armada e procedementos para notificar sucesos que afecten á protección.
Neste eido, a realización deste curso é un requisito imprescindible para obter o Certificado de Especialidade de Formación Básica en Protección Marítima, un documento exixible por parte da Dirección Xeral da Mariña Mercante a todos os tripulantes dos buques civís españois que desenvolven labores de protección a bordo.

Imaxes relacionadas