A Xunta crea 15 novas prazas públicas no centro integral que APAMP ten en Vigo para persoas con parálise cerebral, ata chegar ás 46

A Xunta contribuíu no financiamento para a construción desta residencia e posteriormente para a súa ampliación

Achega un total de 2 millóns de euros ao ano para garantir o funcionamento dos diferentes centros que ten esta organización sen ánimo de lucro

Vigo (Pontevedra), 29 de xaneiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe a necesidade de integrar ás persoas con parálise cerebral para lograr unha sociedade máis plural. Durante unha visita á residencia que a asociación de familias de persoas con parálise cerebral (Apamp) ten en Navia, na que estivo acompañada pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e na que puxo en valor o traballo que realizan as entidades dedicadas a axudar ás familias e persoas afectadas por este trastorno.

A conselleira lembrou que a colaboración do Goberno galego con estas organizacións sen ánimo de lucro é estreita e permanente, tal como demostra o incremento no número de prazas financiadas con fondos públicos do que se están a beneficiar os usuarios do centro integral de Navia, que pasaron en 2021 de 30 a 46.

Este aumento levou consigo unha suba de 700.000 euros na achega que realiza anualmente á Xunta a esta entidade, e que ascende a un total de 2 millóns de euros. Este incremento súmase, ademais, ás axudas que a Xunta achegou á entidade para a construción da súa residencia de Navia e para a súa posterior ampliación.

Case 20 millóns para 600 programas

O apoio do Goberno galego ás entidades que se dedican a axudar ás persoas máis vulnerables esténdese, así mesmo, a todos os eidos da sociedade a través do reparto dos fondos procedentes do IRPF, que este ano ascenden a 19,4 millóns de euros e permitirán financiar 600 programas de atención ás persoas que máis o necesitan.

Imaxes relacionadas