Galicia reduce o abandono escolar ao mínimo histórico cunha caída de 17,7 puntos desde 2009

Acada en 2021 unha taxa de 8,1 fronte ao 13,3 estatal e experimenta unha redución interanual de case 4 puntos polos 2,7 da media nacional

Galicia sitúase como a terceira comunidade onde os alumnos deixan menos os estudos sen un título, unicamente por detrás de País Vasco e Cantabria

Só catro comunidades, entre elas Galicia, están por debaixo do obxectivo da Unión europea para 2020
 

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022

Galicia rexistrou no ano 2021 a porcentaxe máis baixa de abandono escolar da súa historia: un 8,1%. Isto supón un descenso de case catro puntos respecto do datos de 2020 (12%), a maior baixada interanual desta taxa en Galicia desde que existen rexistros. Este dato sitúa ao sistema educativo galego a máis de cinco puntos da media estatal, que é do 13,3%, a primeira vez nunha década que se produce un diferencia desta envergadura co dato español.

Esta porcentaxe coloca á nosa Comunidade por primeira vez entre as tres que máis éxito escolar teñen, só por detrás do País Vasco (cun abandono do 4,8%) e de Cantabria (6,4%). Só estas tres CCAA e Navarra (9,1%) estamos por debaixo da media que a Unión Europea marcou como meta para o ano 2020 (9,9%).

Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8) o abandono educativo temperá en Galicia reduciuse en 17,7 puntos, ao abeiro dos programas de mellora impulsados desde o Goberno galego en prol do esforzo e o éxito escolar.

Neste sentido, a Xunta de Galicia leva anos impulsando diferentes iniciativas, como os contratos-programa ou o Plan Recupera, para reforzar as competencias do alumnado que máis o precisa e impulsar a mellora da calidade educativa. A finalidade última é que ninguén quede atrás e que cada alumno acade o seu máximo no sistema, previndo o abandono educativo temperán, que se define como a porcentaxe de poboación entre 18 e 24 anos que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).


Así mesmo, a evolución na implantación de programas como EduLingüe ou a Estratexia Galega para a Educación Dixital, que avanzan no coñecemento das linguas estranxeiras e nas competencias dixitais, científicas e matemáticas, todas elas fundamentais no actual mundo globalizado, contribúen a incrementar o interese do alumnado pola educación e a fomentar a súa permanencia no sistema.

Por outra banda, o feito de que Galicia sexa a primeira comunidade con máis alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios supón tamén unha significativa vantaxe. A inclusión educativa é a base do éxito escolar, dado que supón atender a cada estudante en función das súas capacidades, fomentando o seu talento e disuadíndoo de abandonar.

Un éxito de toda a comunidade

O Goberno galego quere poñer en valor o traballo de toda a comunidade educativa neste camiño cara ao éxito, moi especialmente dos equipos directivos e dos docentes, sen cuxa implicación sería imposible a implantación dos diferentes programas de innovación e de reforzo que se impulsan desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A implicación das familias e o traballo do alumnado é, así mesmo, a base do fito acadado hoxe. Un dato que pon de relevancia que a cultura do esforzo é a que funciona para acadar novas metas e para consolidar resultados educativos que colocan a Galicia como referente de calidade educativa. Un liderado que tamén confirman outras entidades, como a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), a través do seu informe PISA.

 

Imaxes relacionadas