A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora da estrada PO-315 no concello de Cangas

As persoas interesadas poderán formular observacións á concepción do trazado ata o 11 de marzo, tras a publicación do anuncio hoxe no Diario Oficial de Galicia

As obras, cun orzamento autonómico de 227.000€, desenvolveranse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora da estrada PO-315, no concello de Cangas.

As persoas que o consideren oportuno poderán formular observacións á concepción global do trazado deseñado ata o vindeiro 11 de marzo. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao anuncio: http://xurl.es/gqwtj

As obras, cun orzamento autonómico de preto de 227.000 euros, que inclúen as expropiacións das fincas necesarias, desenvolveranse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380. Cabe precisar que este proxecto é susceptible de financiamento con fondos europeos React-Eu.

O proxecto actúa en dous tramos da estrada. No primeiro treito, entre os quilómetros 10+100 e o 10+380, ao paso pola parroquia de Aldán, disporanse novas beirarrúas accesibles, unha pasarela peonil adosada a un pontón sobre o río para permitir a continuidade da beirarrúa e renovaranse as redes de pluviais e o alumeado.

Ademais reordénanse as interseccións existentes, de acceso á praia de San Cibrán, os pasos de peóns e a parada de autobús.

Tamén se procederá á extensión dunha nova capa de rodaxe no firme deste primeiro tramo.

En relación ao segundo treito do proxecto, entre os puntos 13+200 e o 13+550, acometeranse tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa actual, na parroquia de Darbo. Para isto, executarase en cada caso un pequeno muro de escolleira.

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios e favorecer unha mobilidade máis sustentable.