Lete Lasa e as 58 federacións comezan a preparar os procesos electorais de 2022, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno

As novidades incluídas no proceso “establecen unha serie de dereitos deberes, requisitos e condicións no desenvolvemento destes, co fin de conseguir unha participación maioritaria, plena e igual de todas as persoas que integran as federacións”

Santiago, 27 de xaneiro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo no serán de hoxe unha xuntanza virtual cos representantes das 58 federacións deportivas galegas para tratar distintos aspectos relativos ao vindeiro proceso electoral que se realizará ao longo deste ano 2022 e no que xa estarán vixentes as novidades establecidas no decreto 171/2021, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas. Cómpre lembrar que a Lei do Deporte de Galicia establece que os órganos de goberno das federacións renovaranse cada 4 anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno.
Segundo Lete Lasa, as novidades incluídas no proceso “establecen unha serie de dereitos deberes, requisitos e condicións no desenvolvemento destes, co fin de conseguir unha participación maioritaria, plena e igual de todas as persoas que integran as federacións”. Deste xeito, dixo, “acadaremos procesos electorais mais libres e transparentes, con igualdade de condicións e coa maior garantía para o exercicio do dereito de sufraxio polos electores”.
Máis polo miúdo, entre as modificacións destacan as melloras sobre aspectos como os requisitos dos electores e de elixibilidade -atendendo aos efectos sobre a competición derivados da evolución da pandemia da Covid-19 durante o ano 2020-; o contido dos censos electorais; o desenvolvemento do proceso electoral -contido, aprobación e calendario do regulamento electoral-; os sistemas de elección a membro da asemblea xeral e de elección do titular da presidencia; a regulación do desenvolvemento da xornada electoral –destacando neste punto a novidosa regulación do voto por correspondencia-; o réxime de reclamacións e recursos; e, por último, reaxústanse os prazos existentes, que pasan agora a ser computados por días hábiles fronte ao sistema anterior que se refería a días naturais.
Cómpre salientar tamén, entre outros aspectos dos requisitos para electores e elixibles, que xa non se esixe ter nacido en Galicia ou ter veciñanza na comunidade autónoma.
Ademais, engádese como requisito para a elixibilidade dos membros da asemblea ou presidentes, non ter sido condenados por delitos contra á facenda pública estatal ou autonómica galega nin contra a Seguridade Social.
No caso do voto por correo, poderá tramitarse a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e a nova regulación recoñece non só ás persoas físicas, senón tamén as persoas xurídicas (clubs). Cómpre sinalar que, en todo caso, prevalecerá o voto presencial sobre o voto por correo. Por último, cabe destacar que, como mínimo, deberán establecerse dúas mesas electorais nas dúas provincias de maior censo de cada federación.

Imaxes relacionadas