Arias salienta "a proxección" que dan a Ribadeo os dous documentais de ElFarero Audiovisuais candidatos aos Mestre Mateo

Ribadeo (Lugo), 27 de xaneiro de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou hoxe o resultado do traballo realizado pola produtora ribadense Elfarero Audiovisuais nos documentais Xanelas ao Mar - sobre as mulleres mariscadoras de Rinlo- e Memoria e patrimonio baixo a ría -que pon en valor a riqueza dos restos arqueolóxicos somerxidos en augas de Ribadeo -, ambos seleccionados como candidatos para os Premios Mestre Mateo deste ano.

Arias mantivo un encontro con Manuel Vázquez, da firma produtora; e con representantes de entidades que colaboraron nas rodaxes, como o colectivo Illa Pancha e as mulleres do mar de Rinlo. O delegado subliñou que proxectos como estes dous documentais, que contaron co apoio da Xunta de Galicia, contribúen “á difusión do noso patrimonio e da nosa cultura, xa que a través do sector audiovisual é posible acadar moita proxección”.

Tamén lles desexou sorte nas seguintes fases de selección dos galardóns, convocados pola Academia Galega do Audiovisual e que este ano chegan á súa vixésima edición. Ata o 31 de xaneiro os académicos e académicas elixirán cos seus votos aos finalistas en cada categoría -na lista de documentais figuran 28 títulos-; e os gañadores coñeceranse na gala de entrega dos premios.
 

Imaxes relacionadas