Galicia aproba os trámites necesarios para que o Goberno central aboe os cartos da sentenza do IVE de 2017

Feijóo salienta que a nosa foi a primeira Comunidade en reclamar esta mensualidade que o Goberno central tiña que ter transferido en 2019, liderando primeiro a súa reclamación xusta e despois tamén a solución

Anuncia que a Xunta esgotará os dous meses que hai de prazo antes de interpoñer ante o Tribunal Supremo un recurso contencioso administrativo contra o decreto que regula a concesión directa de subvencións a 4 CC.AA á marxe da conferencia sectorial de Emprego e Asuntos Laborais
 

Ferrol, 27 de xaneiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe da aprobación por parte da Xunta dos trámites necesarios para que o Goberno central aboe a Galicia os cartos da sentenza do IVE correspondente a decembro de 2017.

Isto prodúcese logo de que o Tribunal Supremo dese a razón á Xunta en abril de 2021 e acreditase que o Goberno central vulnerou o dereito á autonomía financeira de Galicia, orixinando un quebranto económico á facenda autonómica e un enriquecemento indebido para o Estado.

Nese sentido, Feijóo salientou que a nosa foi a primeira Comunidade en reclamar esta mensualidade que o Goberno central tiña que ter transferido en 2019, liderando primeiro a reclamación xusta do IVE pendente e despois tamén a solución. Ademais, recordou que no caso galego, a cantidade a aboar que traslada o Estado ascende a 211 M€ máis 13 M€ de xuros de demora.

Reparto Fondos de Emprego

Doutra banda, pero tamén na liña de defender os intereses dos galegos, Feijóo anunciou que Galicia esperará un mes máis, esgotando os dous meses que hai de prazo, para interpoñer ante o Tribunal Supremo un recurso contencioso administrativo contra o decreto que regula a concesión directa de subvencións a 4 CC.AA á marxe da conferencia sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Así, explicou que a decisión de recorrer á vía xudicial producirase se persiste a falta de resposta por parte do Estado, toda vez que a Xunta xa lle enviou o pasado mes de decembro un requirimento previo sobre este asunto.

A este respecto, recordou que o Goberno central decidiu primeiro reservarse 450 M€ destes fondos que deberían corresponder ás Comunidades e logo reservar, sen ningún tipo de concurso ou concorrencia competitiva, 9 M€ ás 4 autonomías nas que as responsabilidades de emprego recaen sobre conselleiros socialistas. “Levamos case dous anos demandando criterios claros e non imos permitir que o reparto de fondos se faga de xeito discrecional”, concluíu.

Imaxes relacionadas