A Xunta ultima os convenios para ratificar o plan de financiamento coas tres universidades galegas

Coa sinatura destes documentos iniciarase a aplicación da nova folla de ruta ata 2026

Trátase do plan máis ambicioso da historia, que mobilizará máis de 3.200M€ e incrementa nun 41% as partidas destinadas a investigación, ata os 400M€

Inclúe por primeira vez unha achega de 4,5M€ como anticipo do futuro plan de mellora de facultades e edificios

No panel de indicadores teñen un peso fundamental os módulos de investigación avanzada e de relación universidade-empresa, vencellados coa I+D+i e a transferencia

Galicia é, xunto con Euskadi, a única Comunidade do Estado en ofrecer unha planificación quinquenal, o que permite dar certezas ás universidades
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta está a ultimar xa os convenios para ratificar coas tres universidades o Plan Galego de Financiamento Universitario para o período 2022-2026. A este respecto indicou que os acordos pasarán polo Consello da Xunta nas vindeiras semanas. A súa posterior sinatura suporá o remate da tramitación deste plan e o inicio da súa aplicación para os vindeiros cinco anos, no marco de diálogo e negociación que presidiu todo o proceso.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou que este plan é a maior achega feita nunca pola Xunta de Galicia, mobilizando máis de 3.200M€, “o que supón un 31% máis de fondos que o previsto inicialmente no plan anterior para, consolidar a investigación, a docencia innovadora e a internacionalización das universidades”. Así mesmo, destacou que a investigación está dotada con 400M€ para todo o período (un 41% máis) e que a nova folla de ruta inclúe, por primeira vez, unha achega de 4,5M€ como anticipo do futuro plan de mellora de facultades e edificios.

Máis peso á I+D+i

No que atinxe á súa estrutura, o secretario xeral de Universidades, destacou que o documento consolida e mellora o modelo dinámico e flexible do anterior plan, permitindo ás universidades coñecer de antemán as regras de reparto e os criterios que se teñen en conta e, deste xeito, poder planificar estratexias e orzamentos. “Trátase dunha planificación quinquenal que dá certezas ás universidades e que en todo o Estado só se fai en Galicia e en Euskadi”, resaltou.

A maiores, salientou que o novo plan avanza no reparto de fondos baseado totalmente en criterios coñecidos, contrastables e homoxéneos. Isto favorece, por unha parte, que se blinde o orzamento non condicionado (anteriormente estrutural) en base a cálculos pactados e preestablecidos e que o financiamento da investigación se sustente sobre un panel de indicadores tamén negociado coas partes.

O panel de indicadores, segundo indicou José Alberto Díez de Castro, divídese en seis apartados fundamentais para acadar unha universidade moderna. “Dous deles que reflicten o peso fundamental do que que se procura, que é sobre todo o dedicado ao I+D+ie á transferencia. Trátase do módulo de investigación avanzada, que recolle o 43% da partida e 9 indicadores e o módulo de relacións universidades empresa, cun 25% da partida e 5 indicadores. É dicir, estes dous grupos recollen case o 70% de todo o panel”, sinalou.

“Ademais, o plan avanza na aplicación do principio de transparencia e publicidade que debe rexer toda actividade pública, polo que inclúe un apartado de rendición de contas”, engadiu.

A través desta nova estrutura, as universidades galegas continuarán recibindo un financiamento por alumnado moi superior á media nacional. Neste momento Galicia é a 4ª comunidade autónoma en investimento por estudante de grao e a terceira no que as universidades reciben en termos relativos ao PIB autonómico. “Destinamos ás universidades o 0,71% do noso PIB, moi por riba da media española, do 0,58%”, fixo fincapé o representante autonómico.
 

Imaxes relacionadas