O Sergas creará un equipo Código Anafilaxia en cada área sanitaria

Código Anafilaxia é un programa asistencial baseado no recoñecemento precoz dos signos e síntomas dunha reacción anafiláctica, coa conseguinte priorización de coidados e traslado inmediato a un hospital

Dende maio do pasado ano, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, atendeu a 57 pacientes clasificados como Código Anafilaxia

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

A Consellería de Sanidade ten en marcha, dende maio do pasado ano, o Código Anafilaxia, que é un procedemento de actuación sanitaria baseado no recoñecemento precoz dos signos e síntomas dunha reacción anafiláctica, coa conseguinte priorización de coidados e traslado inmediato a un hospital co fin de mellorar a supervivencia e reducir as complicacións. Ao respecto deste asunto, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, anunciou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, que o Sergas vai crear un Equipo Código Anafilaxia cun coordinador como líder do proxecto en cada área sanitaria. Tal e como detallou o xerente, será un equipo multidisciplinar encargado de difundir o Código, realizar o seguimento da implantación do mesmo e detectar áreas de melloras e propoñer medidas correctoras.
Xunto ao anterior, o departamento sanitario galego vai proceder ao deseño de contidos para docencia e difusión do Código entre pacientes e profesionais sanitarios.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, José Flores dixo que estímase que o 4% da poboación ten alerxia a algún alimento e o 3% á picadura dun insecto, o que supón que, aproximadamente, uns 200.000 galegos poderían sufrir unha reacción ante certas exposicións. Ademais, existe unha elevada recorrencia en cada paciente, podendo alcanzar o 54%, ben pola mesma causa ou por outra relacionada. En concreto, dende maio do pasado ano, na Central de Coordinación de Urxencias de Galicia-061, atendéronse 57 pacientes clasificados como Código Anafilaxia. Así mesmo, nos últimos anos, a admisión nos hospitais por anafilaxia aumentou entre 5 e 7 veces.

Priorización de coidados e traslado inmediato

Tal e como explicou José Flores, os obxectivos do Código Anafilaxia son identificar precozmente ao paciente cun cadro de anafilaxia e minimizar o tempo transcorrido dende o inicio dos síntomas ata a instauración do tratamento eficaz. Tamén son obxectivos deste programa asistencial, o rexistro de todos os pacientes que teñan presentado unha reacción anafiláctica e sensibilizar aos profesionais e pacientes da importancia da prevención, detección e tratamento precoz da anafilaxia.
Coa creación deste Código por parte do Servizo Galego de Saúde, púxose en marcha un grupo de traballo multidisciplinar, formado por profesionais sanitarios da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, do 061, dos servizos de atención primaria, de alergoloxía e de unidades de coidados intensivos, que deseñaron un protocolo de actuación en cada nivel asistencial, garantindo a valoración da inclusión destes pacientes nas consultas de alergoloxía en 24 horas e, ademais, prescribindo adrenalina autoinxectable á alta, como tratamento en caso de recorrencia.
Entre as accións levadas a cabo polo Sergas no marco deste programa asistencial destaca a creación dun Rexistro de Pacientes a nivel autonómico, de forma homoxénea, o que vai permitir establecer comparacións entre áreas, xestionar recursos e modificar obxectivos segundo os resultados obtidos. Así mesmo, realizáronse sesións formativas para a difusión entre todos os profesionais sanitarios da nosa Comunidade Autónoma do protocolo de actuación, así como deseñouse e difundiuse material informativo.