O Sergas publica os resultados definitivos das listas de selección temporal de enfermeiro, enfermeiro do 061 e técnico en coidados auxiliares de enfermería

Con esta publicación dáse prioridade á actualización das listas das categorías sanitarias de primeira liña na loita contra a pandemia

Resultaron admitidos un total de 25.404 aspirantes

Só resultan excluídas do proceso o 0,71% das solicitudes de participación

A categoría con maior número de solicitudes é a de técnico en coidados auxiliares de enfermaría con 12.674 inscricións

O 10,41% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso.
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións definitivas do proceso de actualización de listas de selección temporal das categorías de enfermeiro, enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
O número total de aspirantes admitidos é de 25.404, o que representa un incremento medio do 7,73%, con relación ao anterior ciclo de xeración, dos cales, 11.770 corresponden á categoría de enfermeiro, 960 son os aspirantes admitidos para vinculacións como enfermeiro do 061, e 12.674 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría. Só resultan excluídas do proceso o 0,71% das solicitudes de participación. O 10,41% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso.
Con esta publicación, dáse cumprimento ao compromiso asumido pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas de anticipar a publicación dos resultados definitivos do proceso de actualización das listas de selección temporal das categorías deficitarias e directamente vinculadas á atención sanitaria da pandemia, contido na Orde da Consellería de Sanidade do 27 de novembro de 2020, pola que se aprobou o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (Covid-19), pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, coas organizacións sindicais CC.OO, CSI-F e SATSE.
As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Entrarán en vigor a efectos de chamamentos o día 28 de xaneiro.
Estas listas permitirán a cobertura das preto de 700 novas prazas dotadas no ano 2022 nestas categorías. Enfermeiro, 366 en atención hospitalaria e 89 nos centros de primaria. Técnico de coidados auxiliares de enfermería, 208 na atención hospitalaria.

Próximas publicacións

En breve publicaranse as listas provisionais de admitidos e excluídos e a baremación provisional do proceso de actualización de listas das distintas especialidades de facultativo especialista de área e médico de admisión e documentación clínica así como da primeira lista da categoría recentemente creada de médico de hospitalización a Domicilio.


 

Imaxes relacionadas