A Xunta finaliza a reforma integral do centro de saúde de Pontecesures cun investimento de máis de 30.000€

O delegado territorial, Luis López, e a xerente da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez, supervisaron esta remodelación nunha visita ao punto médico xunto ao alcalde, Juan Manuel Vidal

A actuación consistíu na renovación das luminarias, o pintado interior, a mellora da cuberta, a modernización da área de administración e a instalación de falsos teitos para incrementar a confortabilidade e a eficiencia enerxética

Pontecesures, 27 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén de finalizar as obras de modernización e reforma integral do centro de saúde de Pontecesures, orientadas ao incremento da súa confortabilidade e da eficiencia enerxética e que tiveron un investimento de 32.323 euros.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xerente da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez, supervisaron esta mañá esta actuación nunha visita realizada a este punto médico xunto ao alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, e outros representantes municipais.

A remodelación do centro de saúde incluíu cinco obras consistentes na renovación das luminarias, o pintado interior do inmoble, a limpeza e reparación das cubertas, a mellora da área de administración e o acondicionamento da zona de acceso.

Así, substituíronse as antigas luminarias por outras de tecnoloxía Led coas que se pretenden acadar os valores de luminosidade acordes á normativa e reducir o consumo de enerxía nun 50% e procedeuse ao pintado do interior do inmoble, con especial atención ás zonas deterioradas e ás que se beneficiaron destas obras.

Tamén se procedeu á reparación, sellado e limpieza do tellado e dos canalóns de auga, mellorouse a funcionalidade e servizos da área de administración con novos sistemas eléctricos, pintado e instalación de mesados e renováronse os falsos teitos da entrada principal e dos pasillos co obxectivo de gañar en confortabilidade e eficiencia.

Infraestruturas sanitarias de atención primaria

“Seguimos a mellorar as infraestruturas de atención primaria con decenas de obras que contemplan a construción de novos centros de saúde, como o proxectado para Vilagarcía de Arousa como acción máis destacada, e tamén a execución de importantes melloras noutros consultorios como este de Pontecesures ou os de Silleda e Vila de Cruces, no que se refire aos concellos da nosa provincia pertencentes á área sanitaria de Santiago e O Barbanza”, sinalou o delegado territorial.

No ano 2021, a Xunta executou obras menores por importe de máis de 700.000 euros nun total de 23 centros de saúde da provincia de Pontevedra, entre os que se atopan, ademáis dos mencionados: Virxe da Peregrina, A Parda e Lérez na cidade de Pontevedra, Arcade, Baltar (Sanxenxo), Moraña, Vilagarcía, O Grove, Forcarei, Bueu, Tui, A Guarda, Mos, Redondela, Val Miñor (Nigrán) ou Coia, A Doblada, Lavadores, Matamá e Rosalía de Castro na cidade de Vigo.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 94 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Pontevedra, prevé construír 13 novos centros de saúde, nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Vigo (o CIS Olimpia Valencia, coa obra xa licitada), Moaña (co proxecto xa adxudicado), Caldas de Reis, O Grove, Poio, Cangas, A Guarda, Barro, Meis, Ponteareas e Mos e reformar e ampliar os centros de Moraña e O Rosal.

Para iniciar eses proxectos e abordar a execución de outros xa en marcha como a construción do Centro Integral de Saúde de Lalín ou a ampliación do centro de saúde de Porriño, a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior partida dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuitos e espazos á pandemia.
 

Imaxes relacionadas