O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, respondeu a unha pregunta oral na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta porá os fondos do Goberno para a creación de novas prazas de educación infantil a disposición de todas as administracións interesadas

A Consellería de Política Social lamenta que o Ministerio de Educación non permita empregar ese investimento na gratuidade das prazas existentes ou na mellora dos centros que xa están en funcionamento

O Executivo central asignou a Galicia un total de 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos, o que suporá un investimento de 34,8 millóns de euros hasta 2023

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, adiantou esta mañá que a Xunta de Galicia porá a disposición de todas as Administracións públicas interesadas os fondos que o Goberno central comprometeu para a creación de novas prazas públicas do primeiro ciclo de Educación Infantil. Na súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, na que respondeu a unha pregunta oral sobre a financiación da futura escola infantil que o Concello de Vigo planea abrir na praza da Industria, invitou á Administración local viguesa a presentar un proxecto formal para o centro.

Jacobo Rey lamentou que o Executivo central limite estes fondos, un total de 34,8 millóns de euros hasta 2023, exclusivamente á creación de 3.417 novas prazas, decisión que considera “unha oportunidade perdida”, xa que a necesidade “non é a mesma para unha comunidade autónoma cunha taxa de escolarización do 20% e para unha na que rolda o 50%, como é o caso de Galicia”. A extensa rede galega de escolas infantís sitúa á Comunidade no cuarto lugar de España en taxa neta de matriculación. “De feito”, adiantou, “no que vai de curso 2021-22 a matriculación nas escolas infantís públicas dependentes da Xunta de Galicia medrou case un 10% ata superar as 8.500 matriculacións”.

Isto é posible, sinalou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, grazas ás constantes melloras que a Xunta de Galicia está a levar a cabo nos centros públicos de educación infantil. Só no verán de 2021 o Goberno galego investiu máis de 2,6 millóns de euros para renovar o mobiliario, as aulas ou os parques de xogo que utilizan a diario os nenos de 40 súas escolas infantís, así como ampliar a escola de Salvaterra de Miño e construír a de Paderne de Allariz.

Falta de apoio

Galicia é, ademais, pioneira na posta en marcha de medidas como a gratuidade de todas as escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos a partir do vindeiro curso, a creación de casas niño nos concellos do rural ou a aprobación da Lei de Impulso Demográfico. Ningunha destas iniciativas, lembrou o titular da Dirección Xeral de Familia, contou co apoio do Goberno central, que non achegou fondos para o seu financiamento.