O Parque Nacional das Illas Atlánticas estrea web e incorpora unha webcam con visión á cara norte das Cíes

A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o arquipélago para preparar as actividades que ofrecerán este ano desde este espazo natural

Como novidade, adiantou que se realizará unha produción de camariña en viveiro “para ter exemplares de orixe propio e reforzar a zona de Muxieriro en Cíes”
 

Vigo, 27 de xaneiro de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe que o Parque Nacional das Illas Atlánticas estreará nova páxina web, “máis visible e accesible”, e incorporará unha webcam con visión á cara norte de Cíes.

Segundo informou, unha terceira cámara sumarase á rede de MeteoGalicia no parque permitindo que os usuarios poidan ver imaxes en tempo real da cara norte da illa. As dúas cámaras actuais están instaladas na Praia de Rodas e na cara sur do faro. Asemade, segundo sinalou, o servizo meteorolóxico da Xunta dispón de varias estacións meteorolóxicas e boias oceanográficas no arquipélago, e que son craves para entender a respostas dos sistemas biolóxicos aos cambios no clima.

En canto á nova páxina web que muda do dominio www.parquenacionalillasatlanticas.com ao novo illasatlanticas.gal , indicou que estará dispoñible previsiblemente a partir do vindeiro luns, deseñada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Fernández-Tapias, quen recordou que no vindeiro mes de xuño se cumpren 20 anos da declaración do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, insistiu no “incalculable valor” do patrimonio natural Galicia, “clave para o medio ambiente e a biodiversidade” e un “importante recurso de turismo sostible”. “É xa unha das principais motivacións dos turistas para elixir a nosa Comunidade como destino”, afirmou. Ao fío recordou que as Illas Atlánticas de Galicia concentran seis das principais figuras de protección medioambiental que existen, o que lle valeu a súa inclusión entre os mellores destinos turísticos ambientais elixidos polo The New York Times. “Celebramos, sobre todo, que un medio tan prestixioso faga fincapé nas medidas levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos”, anotou.

A delegada territorial gabou a labor constante por parte do persoal deste espazo, xestionado pola Xunta de Galicia, durante os últimos anos e os estritos esforzos de conservación, como son a limitación do número diario de visitantes para evitar o turismo masivo -450 persoas ao día na tempada de inverno e 2.400 na de verán-, ou as restricións fronte aos vehículos, establecementos hostaleiros e ruídos. Neste sentido, recordou que o Parque ten pendente de renovación a Carta Europea de Turismo Sostible que obtivo en 2005. “Están todos os informes presentados á espera da auditoría”, salientou.

Balance de actividades

Fernández-Tapias aproveitou a súa visita ao arquipélago con motivo da preparación das actividades que se ofrecerán este ano para facer balance do amplo abano de opcións que ofrecen as Illas Cíes, visitadas por 292.532 persoas en 2021. Entre elas citou Coñecendo o Parque Nacional, un programa didáctico dirixido aos centros escolares dos concellos do entorno e que abrangue os niveis de educación infantil, primaria e secundaria. Nel, máis de 500 nenos son premiados polos seus traballos cunha viaxe ás Cíes nos meses de maio e xuño.

Outra das actividades ás que fixo referencia a delegada é Descubrindo o Parque Nacional, un programa divulgativo que ofrece a Xunta de Galicia de rutas guiadas para coñecer, de man de monitores, os segredos que agocha o arquipélago. Dirixido tanto a veciños da contorna como a turistas e que arrancará a partir da Semana Santa. Segundo dixo, “2.500 persoas coñeceron a illa a través deste programa en 2021”. Entre as rutas máis demandadas figuran Cíes: unha viaxe no tempo e As Cíes, a vista de paxaro. Dende o punto de información da illa tamén parten a diario distintas rutas guiadas dunha duración de entre 1 e 2 horas.

Asemade, nos meses de verán organízanse campos de voluntariado, con 50 prazas dispoñibles en 4 quendas, e campamentos de voluntariado, organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para maiores de 18 anos e nos que participan anualmente uns 350 mozos e mozas. E durante todo o ano, unhas 50 persoas realizan nas Illas Cíes as súas prácticas e investigacións, poñendo o Parque a súa disposición aloxamento e guías en caso de necesitalo.

En canto ao punto de información ao visitante, situado na praia de Rodas, Fernández-Tapias sinalou que entre os meses de maio e setembro do pasado ano atendéronse a máis de 40.000 persoas. Entre os servizos que presta, indicou a delegada, destacan os elementos de apoio para persoas con mobilidade reducida ou necesidades especiais, préstamos de libros e guías ou planisferios, todo co obxectivo de “facilitar a visita e contribuír á calidade da experiencia”.

A isto se suma a actividade ordinaria do Centro de Visitantes do Parque, situado no casco vello vigués, cunha exposición permanente sobre a paisaxe, a vida e a historia das illas, que está aberto en horario de mañá e tarde de martes a sábado. Nel ofrécense obradoiros, charlas, contacontos ou ciclos de cine de contido medioambiental ao longo de todo o ano.

Entre as accións previstas para este 2022, detallou que se seguirá abundando na recuperación dos ecosistemas por invasión de especies foráneas, na avaliación do estado de conservación do medio mariño, na posta en valor e divulgación do patrimonio cultural e na posta a punto dos camiños e elementos de uso público.

Como novidade, adiantou que se realizará unha produción de camariña (planta dunar) en viveiro “para ter exemplares de orixe propio e reforzar a zona de Muxieriro en Cíes” e se levarán a cabo accións de mitigación da contaminación lumínica e de mellora da capacidade de produción enerxética (campo solar).

A maiores, se manterán as actuacións de prevención e control de velutina e procesionaria, de instalación de caixas niño para morcegos e aves e de avaliación da poboación de bolboretas e coleópteros como bioindicadores da calidade dos ecosistemas.

Imaxes relacionadas