A Xunta e Vedra confirman a súa disposición a colaborar para garantir e velar pola disciplina urbanística no concello

Vedra (A Coruña), 25 de xaneiro de 2022

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, confirmaron a importancia de manter unha colaboración continua para garantir un uso sostible e ordenado do territorio e velar pola disciplina urbanística no concello.

O director da APLU e o alcalde mantiveron unha reunión “moi frutífera” esta semana na casa consistorial, na que aclararon dúbidas en canto ás competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística, que este concello ten delegadas na Axencia desde o ano 2015.

Jacobo Hortas brindoulle a experiencia técnica dos responsables e técnicos da APLU para aclarar todas aquelas cuestións nesta materia e que afecten ao municipio. Ambos representantes consideraron moi positivo reforzar lazos de colaboración e manter un contacto permanente.

Nese sentido, o director recordou que a Xunta impulsa un programa formativo específico para familiarizar aos técnicos dos concellos con esta materia urbanística, que son unha boa oportunidade para poñelos en contacto cos inspectores e persoal ao servizo da APLU que traballan diariamente sobre o territorio.

Imaxes relacionadas