O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, respondeu a unha pregunta oral na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta sinala que Galicia é unha comunidade referencia na conciliación e nas axudas ás familias

O Goberno galego ofrece unha axuda directa ás familias para sufragar os gastos dos primeiros anos dun neno ou nena a través da Tarxeta Benvida

Segue a reforzar a etapa educativa de 0 a 3 anos coa creación de novas prazas e coa implantación da gratuidade para segundos fillos e sucesivos que se estenderá a todos no vindeiro curso 2022-23

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, respondeu hoxe a unha pregunta oral na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego sobre as medidas impulsadas polo Goberno galego para a atención á infancia. Durante a súa intervención sinalou que Galicia é unha Comunidade referencia no eido da conciliación e na axuda ás familias.

O director xeral concretou que exemplo diso é a Tarxeta Benvida que permite dar unha axuda directa ás familias para sufragar gastos dos primeiros anos dun neno ou nena. A contía desta axuda, lembrou, é dun mínimo de 1200 euros e increméntase no caso das familias do rural e das familias numerosas. Este ano a Xunta destina 30,4 millóns de euros a esta axuda, ampliable en función do número de nacementos.

Así mesmo, Galicia segue reforzando o apoio á educación infantil de 0 a 3 anos. Faino a través da ampliación da rede de escolas infantís, con máis de 25.000 prazas que permiten atender toda a demanda de prazas nunha etapa educativa voluntaria, pero tamén nas melloras para o seu acceso. Jacobo Rey lembrou que a nosa Comunidade foi pioneira na gratuidade destes centros para segundos fillos e sucesivos, unha medida que se ampliará a todos os fillos no vindeiro curso 2022-23.

Na actualidade, a Xunta pon á disposición das familias cun só fillo o Bono Concilia, ideado para que as familias poidan levar aos seus fillos a unha escola privada cando non acada praza nunha escola pública. Este curso incrementouse a súa contía nun 10% ata acadar os preto de 1600 bonos concedidos.

Casas niño

Por último, o director xeral destacou outra das medidas pioneiras que converten a Galicia en pioneira na atención á etapa de 0 a 3 anos como son as casas niño. Apuntou que neste momento están funcionando 89 centros destas características en Galicia, un recurso 100% gratuíto destinado para os concellos que carecen de escola infantil ou Punto de Atención á Infancia. Neste ano 2022, a Xunta publicará unha nova orde de casas niño para a posta en marcha de 12 novos centros no rural, de maneira que se acaden un total de 100 casas en funcionamento.

Imaxes relacionadas