A Xunta executa os traballos de recoñecemento xeotécnico na contorna do futuro enlace de conexión da Vía Ártabra coa autoestrada AP-9

Realízanse 3 sondaxes, dúas na zona da mediana da autoestrada estatal e unha máis no exterior, co obxectivo de coñecer a natureza dos materiais de recheo do terraplén existente na contorna do futuro paso inferior do posible enlace de conexión

As sondaxes permitirán pechar a parte construtiva, incluíndo os desvíos de tráfico que serán necesarios realizar na AP-9 polas obras de conexión
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a desenvolver durante esta semana os traballos de recoñecemento xeotécnico na contorna do futuro enlace de conexión da Vía Ártabra coa AP-9.

A execución destes traballos de sondaxe iniciáronse este martes e estímase que a súa duración non excederá de tres días, aínda que isto depende das características xeotécnicas dos materiais que se atopen.

Os técnicos da Xunta están a realizar 3 sondaxes, tanto na zona da mediana da autoestrada estatal, como na zona exterior da AP-9.

Máis en concreto, están a levarse a cabo dúas sondaxes na mediana da autoestrada, no punto quilométrico 10+800, que se sitúan aproximadamente nos hastiales do futuro paso inferior do posible enlace de conexión da Vía Ártabra coa AP-9.

Tamén se realiza unha sondaxe de similares características no exterior da autoestrada, segundo o sentido de avance cara a Santiago, desde o camiño de servizo no pé do terraplén da marxe esquerda.

As sondaxes teñen como obxectivo coñecer a natureza dos materiais de recheo do terraplén existente na autoestrada e penetrarán uns 10 metros nos terreos naturais baixo o apoio do terraplén.

Durante a perforación realízanse, ademais, ensaios de penetración dinámica cada 2 ou 3 metros para estudar a capacidade portante dos materiais, ao tempo que se toman mostras inalteradas para realizar ensaios no laboratorio sobre os materiais atopados.

A Xunta segue a avanzar no peche da parte construtiva das obras de conexión coa AP-9, incluíndo tamén os desvíos de tráfico que será necesario realizar na AP-9 polas obras de conexión.

Tamén se traballa para retomar o antes posible as obras suspendidas de xeito temporal na Vía Ártabra, e que as compañías dos servizos afectados realicen os retranqueos das liñas de gas e de media tensión. Estes traballos supoñen un investimento adicional de 1.130.000 euros, que a Xunta xa ten presupostado.

Cómpre lembrar que a traza da vía de altas prestacións intercepta a liña de gas no punto quilométrico 1+700, afectando desde este punto a totalidade das obras ata a AP-9, xa que os servizos de gas descorren polo medio, imposibilitando a realización dos movementos de terras e a execución das estruturas previstas nesa zona.

Pola mesma zona que a liña de gas tamén discorre unha liña aérea de media tensión que subministra enxería ao polígono do Espírito Santo. Esta liña tamén afecta ás obras, tanto no ramal de acceso previsto ao parque industrial como na traza principal.

Así, unha vez executados os retranqueos, e logo da autorización por parte do Ministerio de Transportes da parte construtiva, a Xunta agarda que a comezos da primavera estean retomados os traballos da Vía Ártabra xa en toda a traza, incluíndo a conexión coa AP-9.

A conexión desta vía de altas prestacións libre de peaxe coa autoestrada daralle total funcionalidade aos 10 quilómetros de Vía Ártabra xa en servizo, que hoxe percorren preto de 5.000 vehículos ao día tras un investimento da Xunta de 70 M€.

A continuación da Vía Ártabra desde a N-VI e ata a súa conexión coa AP-9 é a infraestrutura viaria máis complexa e con maior investimento, 40 M€, que está a executar actualmente a Xunta.

Imaxes relacionadas