A conselleira de Política Social, Fabiola García, respondeu hoxe a unha pregunta oral sobre esta cuestión no pleno do Parlamento

A Xunta sacará a consulta pública no mes de febreiro o decreto que regulará e acreditará a condición das familias monoparentais

Permitirá a creación dun rexistro para estas unidades familiares e a aprobación dun plan de apoio para mellorar a atención e a cobertura social das súas necesidades

Actualmente estas familias contan con prioridade no acceso ás escolas infantís e centros educativos, descontos nos campamentos da Xunta e beneficios fiscais

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022

A Xunta sacará a consulta pública no mes de febreiro o decreto que regulará e acreditará a condición das familias monoparentais. A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciouno hoxe durante unha pregunta oral no pleno do Parlamento galego, onde sinalou que toda a sociedade galega poderá enriquecer unha normativa que suporá un paso de xigante para moitos fogares da comunidade.

A conselleira concretou que este decreto servirá para revisar o concepto de familia monoparental e recoñecer a súa especial consideración, cumprindo así co establecido na Lei de Impulso Demográfico. Por un lado, permitirá a creación dun rexistro destas unidades familiares galegas e, por outro, a aprobación dun plan de apoio para mellorar a atención e a cobertura social das súas necesidades.

Así mesmo, lembrou que na actualidade as familias monoparentais xa contan con máis apoios ca nunca. Neste sentido, enumerou algún dos beneficios que están en marcha, como a prioridade no acceso ás escolas infantís e casas niño, así como aos centros educativos; descontos do 50% nos campamentos da Xunta; taxas reducidas en residencias de tempo libre, e beneficios fiscais.

Benestar das familias

Fabiola García sinalou que un dos principais obxectivos do Goberno galego é avanzar no benestar das familias, sexa cal sexa a súa composición. Apuntou que Galicia foi pioneira en implantar a gratuidade nas escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, unha medida que se estenderá a todos os fillos no vindeiro curso escolar. Así mesmo, sinalou que a nosa Comunidade tamén foi pioneira na posta en marcha de casas niño, un recurso de conciliación 100% gratuíto para as familias do rural galego, ou na aprobación da primeira Lei de Impulso Demográfico a nivel nacional.

Imaxes relacionadas