A Xunta e o Concello do Porriño avalían novas vías de colaboración para impulsar o comercio local

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou a localidade para manter un encontro co alcalde, Alejandro Lorenzo

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoia con máis de 35.000 euros o traballo que desenvolve durante todo o ano o centro comercial aberto da localidade para impulsar a dinamización do sector

O Porriño (Pontevedra), 26 de xaneiro de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe o Concello do Porriño para manter un encontro co alcalde, Alejandro Lorenzo. A xuntanza serviu para avaliar novas vías de colaboración entre a Xunta e a Administración local co obxectivo de continuar a impulsar o comercio do Porriño, en eidos como a innovación, a dixitalización ou a dinamización comercial.

Neste eido a Xunta mantén unha cooperación permanente co centro comercial aberto do municipio. Así, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Porriño é beneficiaria dunha axuda de máis de 35.000 euros dentro do programa de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos que vén de resolverse.

O obxectivo destas axudas é impulsar o comercio de proximidade nas vilas e cidades galegas mediante iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que desde o comercio se ofrecen aos consumidores.