A Coruña é a provincia na que máis medran as exportacións entre xaneiro e novembro

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita en Bergondo ‘Tu Agenda Comercial – TAC’, empresa especializada en ‘merchandising’ publicitario que, grazas á Xunta, a través do programa Galicia Exporta Dixital, activou distintas actuacións para incrementar as súas vendas ao exterior

Salienta que, nos once primeiros meses de 2021, as exportacións da Coruña rozan os 10.500 millóns, fronte aos 7.800 contabilizados no mesmo período do ano anterior

No conxunto da Comunidade, as vendas ao exterior incrementáronse un 22,2% fixando, a falta aínda do último mes de 2021, un novo tope histórico con máis de 23.000 millóns

Pon en valor a colaboración público-privada a través de iniciativas como o Galicia Exporta Dixital, que en vindeiras datas abrirá unha nova convocatoria, e que na provincia da Coruña permitiu impulsar xa máis dun centenar de plans de internacionalización cunha achega de 4 millóns

Bergondo (A Coruña), 26 de xaneiro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Tu Agenda Comercial – TAC, no concello de Bergondo, empresa especializada en merchandising publicitario personalizado que vén de impulsar, grazas á Xunta, a través do programa Galicia Exporta Dixital, un novo plan comercial que inclúe campañas de posicionamento SEM en directorios internacionais, a adaptación da tenda e dos catálogos online a vendas noutros mercados, ou a posta en marcha de solucións tecnolóxicas que permiten a creación e xestión de catálogos dixitais internacionais en distintos idiomas.

“TAC é unha mostra máis da colaboración que temos co noso tecido empresarial, e que permite ás pemes galegas mesturar a internacionalización coa dixitalización na procura de novos mercados”, salientou Guldrís, que puxo en valor as últimas cifras de exportacións, tanto no conxunto de Galicia como na provincia da Coruña.

Neste sentido, entre xaneiro e novembro de 2021, as exportacións de A Coruña rozan xa os 10.500 millóns, fronte aos 7.800 contabilizados no mesmo período do ano anterior. Así, e a falta de coñecer os datos de decembro para pechar o ano 2021, A Coruña é a provincia galega que máis medra no acumulado dos once primeiros meses, incrementando as súas vendas ao exterior nun 34,4%.

Durante o mesmo período, detallou o director do Igape, as exportacións da Comunidade superan os 23.000 millóns de euros, o que supón, a falta aínda de contabilizar decembro, un novo teito histórico e un incremento do 22,2% con respecto ao mesmo período do ano 2020. A estas cifras hai que engadirlle outras como o incremento do número de empresas exportadoras galegas, que marcan tamén neste período un novo récord chegando ás 8855.

Neste marco, Guldrís puxo en valor a cooperación público-privada, un esforzo conxunto que, segundo salientou, conta agora cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025. Esta folla de ruta, afondou, busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, e ten como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

“Programas como o Galicia Exporta Dixital contribúen á consecución destes obxectivos”, incidiu Guldrís, resaltando que, desde a súa posta en marcha, só na provincia da Coruña a liña ten permitido impulsar máis dun centenar de plans de internacionalización cunha achega próxima aos 4 millóns de euros.

Próxima convocatoria

O director do Igape adiantou que, en vindeiras datas, activarase, unha nova convocatoria do programa, cun importe de 4,4 millóns na procura de facilitar a adaptación das pemes ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19, facilitando así a súa reactivación e a mellora da competitividade no actual contexto.

“O obxectivo do Galicia Exporta Dixital é permitir ás nosas empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización. Deste xeito, queremos facilitar os procesos de dixitalización internacional das compañías galegas”, afondou Guldrís.

Con axudas do 80%, o que supón entre 14.400 e 80.000 euros para apoiar proxectos cunha mobilización de entre 18.000 e 100.000 euros, este programa compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contarán cun orzamento de 7,5 M€ para o ano 2022.

Imaxes relacionadas