A estrea de ‘Come and go’ na Coruña abre o plano semestral de coproducións do Centro Dramático Galego

A montaxe da compañía Helena Salgueiro represéntase este venres no Teatro Colón ás 20,00 horas

Trátase dunha adaptación da obra homónima de Samuel Beckett na que se conxuga danza, teatro, perfomance, cinema en directo e instalación visual

A unidade teatral da Xunta ten previstas seis novas coproducións ata xuño, que se presentarán en diversos concellos galegos a prol da creación de público en todo o territorio
 

A Coruña, 26 de xaneiro de 2022

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres a primeira das seis coproducións previstas para este semestre do ano coa montaxe Come and go, da compañía Helena Salgueiro. A peza preséntase o venres no Teatro Colón da Coruña, ás 20,00 horas, e inclúe un encontro co público ao remate da función. A entrada é de balde mediante convite que se pode retirar a través da web www.ataquilla.com.

Dirixida e producida pola directora escénica, performer e escritora Helena Salgueiro, Come and go é unha adaptación da obra homónima de Samuel Beckett. A proposta conxuga danza, teatro, perfomance, cinema en directo e instalación visual nunha coreografía que investiga o tempo, o xesto e a linguaxe a partir dunha das pezas máis minimalistas do autor irlandés.

Xunto a Salgueiro, completan o elenco Iria Sobrado e Ana Gesto. O compositor xaponés Atzi Muramatsu é o autor da música orixinal e o videógrafo Marcos Montiel, da gravación para o apoio de cinema. O colectivo técnico-artístico MOM encargouse dos apoio do sensor de movemento e da iluminación. Este equipo internacional ten como foco creativo Galicia e a súa conexión con outras linguas e autores, o que o levou a facer coa súa montaxe a primeira tradución ao galego dos textos curtos de Beckett.

Representación accesible

Na mesma liña de atención da unidade teatral da Xunta ás persoas con necesidades especiais, a estrea de Come and go será unha representación accesible para público con dificultades visuais e auditivas, xa que contará con interpretación de signos e audiodescricións, ademais de estar conformada para respectar as audiencias con pouca tolerancia á escuridade e aos ruídos. Asemade, o espectáculo ten o selo Green Theatre, sen xeración de plásticos, e utiliza elementos orgánicos e biodegradables no espazo escénico, no vestiario e no proceso de ensaios.

Na semana previa á súa estrea, a compañía Helena Salgueiro participou nunha residencia na localidade portuguesa de Beja, cunha coprodución do CDG coa formación Lendias d’Encantar a través do Festival Internacional de Teatro do Alentejo (FITA). A iniciativa enmárcase no plano de colaboracións internacionais e residencias exteriores da unidade teatral da Xunta. Ademais, a peza ten previsto viaxar a Escocia e Irlanda.

Seis novas coproducións ata xuño

Come and go forma parte das seis novas coproducións previstas polo CDG ata xuño, que verán a luz en diferentes concellos galegos, como A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo ou O Barco de Valdeorras. Trátase de Rastros, con Condetrespés, O péndulo, con Inversa Teatro, dous novos volumes de Clásicas desfeitas, con Galeatro e Moving Compass, Continente María, con Ainé Producións, e Asemblea xeral, con Sarabela Teatro.

O obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral. A compañía institucional leva a cabo este programa en paralelo á montaxe e distribución das súas producións propias, como é o caso de A peste, o espectáculo inspirado na novela homónima de Albert Camus que dirixiu Cándido Pazó e que se está a representar no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 13 de marzo.
 

Imaxes relacionadas