Trenor destaca a colaboración co sector privado como unha das pezas claves para a reconstrución económica de Galicia

O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, participou esta mañá no almorzo-coloquio organizado por Nordés-Club Empresarial

O representante do Goberno galego subliñou que para afrontar os retos do futuro de 2022 a Xunta conta con tres ferramentas fundamentais: os orzamentos, os fondos europeos Next Generation e a axenda lexislativa
 

A Coruña, 26 de xaneiro de 2022

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou no almorzo-coloquio organizado por Nordés Club Empresarial que preside Mario Barcenilla.

Na súa intervención expuso as principais liñas de traballo do Goberno galego para seguir avanzando na consolidación de medidas de apoio ao emprendemento, especialmente en áreas clave para o crecemento económico así como para aumentar a competitividade dous sectores estratéxicos de Galicia. O delegado da Xunta destacou que para lograr a reconstrución económica unha das pezas claves é apoiar ou sector empresarial. Neste senso, apuntou para afrontar os retos do futuro de 2022 a Xunta conta con tres ferramentas fundamentais: os orzamentos, os fondos europeos Next Generation e a axenda lexislativa.

En relación cos orzamentos do Goberno galego para o 2022 o delegado da Xunta lembrou “que contamos cun orzamento de 11.627 millóns de euros, o maior da historia de Galicia. Teremos unha dos maiores investimentos públicos, 2.500 millóns o que supón triplicar o investimento territorializado do Estado en Galicia. Son uns orzamentos que non hipotecan o futuro, que garanten como nunca os servizos públicos e que favorecen a recuperación das familias e das empresas”.

Na provincia da Coruña as principais liñas de traballo centrarans en finalizar a nova rede de hospitais e centros de saúde, coa construcción do novo CHUAC como a obra máis importante que se iniciará esta lexislatura, apostar por uns centros de ensino mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e coas novas metodoloxías de ensino, seguir reforzando as políticas sociais e potenciar os investimentos en infraestruturas.

Trenor lembrou que o novo Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria prevé a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reformas noutros 14 xa existentes e concretamente na área da Coruña referiuse ao novo centro de saúde de Abegondo e ao de Santa Lucía na Coruña.

En canto á educación, o representante do Goberno galego subliñou que “outra das grandes prioridades do Goberno galego, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica foi un punto de inflexión para reformular a maneira de concibir a arquitectura no sector das aulas e a actividade educativa. O obxectivo principal deste manual de referencia é favorecer a actividade docente, dando resposta ás necesidades presentes e futuras derivadas das novas metodoloxías e a crecente dixitalización”. Neste senso, lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade inclúe 7,2 millóns de euros entre os seus orzamentos para o ano 2022 destinados a executar grandes obras na provincia da Coruña, entre as que destaca na cidade a rehabilitación integral de diferentes centros como o CEIP Eusebio da Garda con máis dun millón de euros de orzamento.

Na súa intervención subliñou tamén a importancia das infraestruturas do transporte como peza clave para mellorar a competitividade dos territorios. Por iso, incidiu na necesidade de que o AVE chegue, ademáis de a Ourense, ao resto de ciudades galegas, coa dotación dos trens Avril que permitan acadar os tempos de viaxe comprometidos e coa modernización ferroviaria das conexión entre Lugo e Ourense e entre A Coruña e Ferrol, entre outras actuacións prioritarias. No que se refire ao ferrocarril de mercadorías, que o o Corredor Atlántico sexa canto antes unha realidade. Ademais, valorou moi positivamente a mediación do Presidente, da Xunta para lograr a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, una obra de 171 millóns de euros o que garantirá a competitividade do Porto Exterior e que se licitará en febreiro, segundo trasladou á ministraao presidente galego no encontró de traballo do pasado venres.

Trenor tamén lembrou que a Xunta apostou desde o primeiro momento pola construción da nova Estación Intermodal da Coruña que conta cun investimento total de 40 millóns de euros. ¡Desgraciadamente os obstáculos postos polo goberno municipal anterior provocou que pasásemos de ser a primeira intermodal en construírse a ser das últimas. Aínda así o noso compromiso sempre foi firme e así o seguirá sendo”, recalcou.

Finalmente, tamén se referiu a necesidade de seguir reclamando desde Galicia as Infraestruturas históricas pendentes que quedaron plasmadas no último orzamento do Partido Popular en 2018 sobre as que non se moveu apenas un pape como a Cuarta Rolda, a ampliación da Ponte Pasaxe , a ampliación de Alfonso Molina ou o Vial 18.

Apoio ao sector empresarial

O delegado da Xunta tamén reclamou a urxencia de que se leve a cabo unha transición xusta que faga compatible o proceso de descarbonización co desenvolvemento industrial. “Témolo claro: cambio sustentable, rotundamente si; este cambio desordenado, rotundamente non”, puntualizou.

“Para o Goberno galego tamén é prioritario –subliñou- seguir impulsando a dixitalización e máximo aproveitamento dos avances tecnolóxicos. A transformación dixital do tecido empresarial é un obxectivo para o cal levamos destinado entre 2020 e 2021 máis de 100 millóns de euros, aos que se suman 55 millóns reservados nos orzamentos para este ano”.


Trenor tamén se referiu á gran oportunidade que supoñen os fondos europeos pero insistiu en que “a reclamación ao Goberno desde a Xunta é moi clara e indiscutible: que os sectores estratéxicos de Galicia poidan ter encaixe nos distintos PERTES que se aproben. Pero todo isto non poderá ser posible se os fondos non se reparten en base a uns criterios obxectivos. Desde Galicia temos moi claro que imos loitar polo que nos corresponde por dereito. Os fondos europeos non poden ser unha moeda de cambio”, resaltou.

Finalmente, rematou referíndose á axenda lexislativa como outro instrumento que está servindo para apoiar ao noso tecido empresarial. Concretamente, analizou a lei de áreas empresariais de Galicia ou a lei de simplificación administrativa como dous instrumentos que permiten reducir os prazos de tramitación e poñen ao dispor do tecido empresarial información e asesoramento sobre os distintos procesos administrativos e convocatorias de axudas.
 

Imaxes relacionadas