A Xunta recibe 7 ofertas para as obras de construción dunha nova senda na estrada autonómica PO-548, no concello de Valga, licitadas por preto de 737.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé desenvolver esta actuación durante este ano, xa que conta cun prazo de execución de seis meses

Os actos expropiatorios están convocados para os meses de marzo e de maio

A intervención conta cun investimento global de 780.000 €, tendo en conta as expropiacións necesarias para habilitar este novo itinerario cara á igrexa de Santa Columba de Cordeiro, o colexio Xesús Ferro Couselo e o pavillón polideportivo

Partirase do itinerario existente na PO-548, discorrendo a nova senda pola marxe esquerda da vía ata o cruce cunha pista municipal, cunha pasarela sobre o río Louro

Reordenarase o tráfico na intersección no punto quilométrico 3+910 cunha pequena glorieta que permitirá o cambio de sentido e reforzará a seguridade viaria

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da Xunta, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022

A Xunta recibiu un total de 7 ofertas de empresas para executar as obras dunha nova senda na estrada PO-548, no concello de Valga, licitadas por un importe de case 737.000 euros.

Das 7 ofertas presentadas para executar o novo itinerario que dará continuidade ao xa existente nesta na vía autonómica 1 delas está están conformadas por UTE, o que supón un total de 8 empresas.

A actuación ten como obxectivo a execución dunha nova senda peonil na PO-548, que permita dar continuidade á que xa existe nesta na vía autonómica. Coa súa construción habilitarase un itinerario seguro para os peóns que se dirixen á igrexa de Santa Columba de Cordeiro, ao colexio Xesús Ferro Couselo e ao pavillón polideportivo municipal.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé desenvolver esta actuación durante este ano, xa que conta cun prazo de execución de seis meses.

O orzamento total destinado a esta intervención ascende a 780.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións dos 20 predios necesarios para executar a actuación. Os actos expropiatorios están xa convocados para os vindeiros meses de marzo e de maio.

Concretamente, o acto expropiatorio de levantamento de actas previas está fixado para o vindeiro día 11 de marzo, das 10 ás 13,40 horas no salón de plenos do Concello de Valga. Posteriormente, convócanse os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, o día 18 de maio, no mesmo lugar e horario.

As obras que se van executar

Esta nova senda deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta partirá do itinerario existente na vía autonómica e discorrerá pola marxe esquerda ata o cruce coa pista municipal que lle dará continuidade. Requirirá da instalación dunha pasarela metálica na proximidade da igrexa de Santa Columba de Cordeiro de grandes dimensións, 21 metros de lonxitude e case 3 metros de anchura, sobre o río Louro.

Tamén se ampliará o paso sobre ese río, aumentando a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e construíndo catro muros de contención para asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade.

A intervención compleméntase coa reordenación do tráfico na intersección no punto quilométrico 3+910, onde se prevé executar unha pequena glorieta que permita o cambio de sentido, impedindo a realización de movementos que provocan situacións de risco e reforzando a seguridade viaria.

A intervención contará co cofinanciamento de fondos europeos REACT-UE.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe.