A Xunta adica 48.000 euros á instalación dun ascensor no CEIP Humberto Juanes de Nigrán

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou que desde o Goberno galego se está a facer un esforzo por garantir unhas instalacións educativas adecuadas en toda área e adaptadas ao protocolo covid-19

Nigrán (Pontevedra), 25 de xaneiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o CEIP Humberto Juanes de Nigrán para comprobar a finalización da instalación dun ascensor para prestar servizo a toda a comunidade educativa e especialmente aos alumnos con mobilidade reducida.

Unha actuación que a representante autonómica enmarcou no conxunto de obras, de maior ou menor envergadura, que o Goberno galego está a executar nos centros escolares dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios para adaptarse á nova realidade fronte a covid-19.

Acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, a directora do centro, Cristina Fernández Piñeiro, e parte do equipo directivo, Fernández-Tapias salientou o compromiso do Executivo autonómico coa supresión de barreiras arquitectónicas e coa accesibilidade de persoas con mobilidade reducida.

A Xunta investiu nos últimos anos máis de 180.000 euros en actuacións de mellora neste centro nigranés, ás que se suma agora a instalación deste elevador ao que se adicaron 48.000 euros.

Imaxes relacionadas