A Xunta concede aos concellos da área de Vigo preto de 900.000€ en axudas para financiar os servizos sociais municipais

O Plan Concertado permitirá incrementar a contratación de persoal en cinco concellos da área territorial, para o que se destinarán 121.119 euros máis

Estas axudas están orientadas na súa maioría á contratación de persoal así como ao financiamento do SAF básico, ao funcionamento das escolas infantís municipais e a programas sociocomunitarios

Vigo, 25 de xaneiro de 2022

A Xunta concedeu aos concellos da área territorial de Vigo preto de 900.000 euros en axudas para financiar os servizos sociais municipais. Estas achegas, enmarcadas dentro do Plan Concertado, irán destinadas na súa maioría á contratación de persoal e á posta en marcha de programas de atención como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico, o funcionamento das escolas infantís de titularidade municipal e a programas sociocomunitarios.

No conxunto de Galicia, o Plan Concertado incrementouse en 3 millóns de euros con respecto ao ano anterior, é dicir, nun 20% máis, ata os 17,2 millóns. A maior parte da contía, 12,3 millóns de euros, irá dedicado ao cofinanciamento do persoal dos servizos sociais comunitarios de todos os concellos de Galicia. Trátase dun 12,5% máis que o ano pasado (1,3 millóns de euros). Este incremento permitirá que cinco concellos da área territorial de Vigo (Baiona, Cangas, Nigrán, O Porriño e Vigo) aumenten o seu persoal, para o que se destinarán 121.119 euros más.

Ademais, o Plan Concertado servirá para renovar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico e para o funcionamento das escolas infantís municipais e a compensación pola aplicación da gratuidade. Así mesmo, este plan tamén se incrementa en preto de 300.000 euros para a posta en marcha de novos programas en 22 concellos.