A Xunta abre a segunda convocatoria do seu Hub audiovisual con 1,2 M€ en axudas de capital semente para produtoras que desenvolvan proxectos simultáneos

O DOG publica hoxe as bases desta liña de subvencións, pioneira a nivel estatal, dentro do programa extraordinario para impulsar a recuperación económica do sector en Galicia cun investimento sen precedentes de 9,6M€ ata 2023

Favorecerase que as empresas poidan traballar na preprodución de entre tres e cinco propostas á vez, de xeito que se multipliquen as posibilidades de desenvolver un proxecto viable e se reactive a contratación de profesionais e servizos relacionados

O Hub, que botou a andar coa creación do fondo para a atracción de rodaxes, tamén porá en marcha proximamente a plataforma Galicia Film Commission, un polo de talento, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para as industrias culturais
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da segunda liña de subvencións posta en marcha pola Xunta ao abeiro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, que continúa avanzando nos obxectivos de fortalecemento do sector para impulsar a súa recuperación económica. Esta nova convocatoria dispón dun orzamento de 1,2 millóns de euros como capital semente para facilitarlles ás produtoras galegas de cine e televisión o desenvolvemento simultáneo de entre tres e cinco proxectos, de xeito que se multipliquen as posibilidades de éxito cara á súa produción.

Trátase dunhas axudas pioneiras a nivel estatal que, inspiradas no modelo Slate Funding do subprograma Media de Europa Creativa, están especificamente pensadas para aquelas produtoras independentes con máis de dous anos de traxectoria que presenten paquetes de propostas sobre as que teñan dereitos suficientes de propiedade intelectual, así como un acordo ou precontrato coas persoas encargadas do guión e da dirección.

A contía máxima á que poderá optar cada solicitante é de 150.000 euros, cun límite de entre 15.000 e 30.000 euros por proxecto de obra para cine, televisión ou plataformas, en función do seu xénero e formato: longametraxes ou series de ficción, animación e documentais. O prazo de solicitude é de dous meses.

Reactivación da industria

Poderán beneficiarse destes fondos tanto empresas consolidadas que busquen acometer proxectos estratéxicos, como compañías máis recentes, pero con capacidade de crecemento suficiente para enfrontar un salto de escala. O feito de dotalas dos medios suficientes para afrontar a preprodución de varios títulos en paralelo redundará tamén nunha reactivación do conxunto da industria, ao aumentar a demanda de propostas e a contratación de profesionais creativos e de servizos relacionados cos procesos previos á produción audiovisual.

Búscase, así mesmo, promover unha carteira de proxectos de propiedade industrial galega, con contidos sólidos, ambiciosos e competitivos no mercado global cara á captación doutros financiamentos no mercado internacional.

Neste sentido, as novas axudas para paquetes de proxectos veñen reforzar a liña de traballo que a Xunta mantén desde 2013 coas súas subvencións anuais ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través das que en 2021 se adxudicaron 300.000 euros entre 17 futuras producións. A experiencia destes anos permitiu constatar que os títulos apoiados nesta fase previa encaran a súa produción con máis alianzas estratéxicas, tanto a nivel financeiro como artístico, e cunha maior calidade no seu deseño, que se vén reflectindo nos múltiples recoñecementos internacionais a obras audiovisuais galegas.

Investimento sen precedentes

Esta é a segunda iniciativa posta en marcha no marco do Hub Audiovisual galego, un programa extraordinario de apoio ás industrias culturais galegas que supón unha inxección económica sen precedentes de 9,6 millóns de euros. Este investimento executarase durante o trienio 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

As súas liñas de actuación comezaron a materializarse o pasado mes de setembro coa publicación dunha primeira convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, cun orzamento de 2 millóns de euros, que terá continuidade este ano coa mesma dotación.

Ao tempo, continúase traballando conxuntamente co sector no deseño do resto das medidas que conforman o Hub, dentro do que tamén se porán en marcha a plataforma Galicia Film Commission, un polo de talento, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural.