Máis de 150 médicos inscribíronse nas listas de contratación de técnicos de saúde para reforzar a Atención Primaria

Galicia continúa coa menor presión hospitalaria de España, tanto en unidades convencionais como en UCI, e á cabeza do Estado en materia de vacinacións

O titular da carteira sanitaria do Goberno galego detallou no Parlamento as 16 principais iniciativas tomadas pola Xunta para desconxestionar a atención primaria

O teléfono do coronavirus tramitou, no mes de xaneiro, máis de 20.100 probas PCR aos cidadáns sen necesidade de pedir unha cita co médico, e as unidades móbiles e fixas de cribado detectaron 9.524 positivos nas máis de 138.000 probas realizadas nos puntos de cribado
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe, a petición propia, no Parlamento de Galicia, para informar sobre a evolución da pandemia da covid-19 e o seu impacto sobre a atención primaria. Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria anunciou que máis de 150 médicos se inscribiron nas listas de contratación para optar a nomeamentos temporais como técnicos de saúde nos centros de atención primaria. Tal e como explicou o conselleiro, a súa incorporación iniciarase a comezos de febreiro, unha vez realicen a formación precisa.
Segundo dixo García Comesaña, estes profesionais realizarán labores de apoio axudando, ademais, na xestión da sobredemanda para que os médicos de familia poidan seguir centrados na atención ordinaria e no seguimento de pacientes crónicos. Así, asignaráselles tarefas como a tramitación de baixas, a elaboración de informes, a renovación de receitas para pacientes crónicos ou o seguimento de pacientes covid.
O conselleiro destacou que, a pesar do elevado número de positivos, Galicia continúa coa menor presión hospitalaria de España, tanto en unidades convencionais como en UCI, e no relativo á vacinación, a nosa comunidade está á cabeza do Estado administrando o 100% do total de doses, cando a media nacional é do 95,4%. Na poboación de maiores de 12 anos, Galicia ten, con polo menos unha dose, o 95,2%, mentres a media nacional é do 92,6%. Polo que atinxe aos maiores de 12 anos coa pauta completa, Galicia sitúase no 94,4%, cando a media nacional é do 90,7%; e na poboación de 5 a 11 anos con primeira dose, está no 80,9% e a media nacional é do 53%.
García Comesaña remarcou que as dúas compoñentes propias desta onda, a de maior transmisibilidade, unido ás altas taxas de vacinación, permitiron que moitos dos contaxiados padeceran a enfermidade con síntomas leves, polo tanto fixeron que a presión asistencial recaese en maior medida na atención primaria. A eso hai que engadir que houbo tamén contaxios entre os profesionais e a circunstancia de que non se conte coa posibilidade de realizar substitucións, e que, ademais, se trata dun período do ano no que os profesionais desfrutan dos seus días de permiso.


Medidas para afrontar a sobredemanda


Nestas circunstancias, e segundo avanzaba a pandemia, a Xunta optou por tomar diversas medidas para que parte da sobredemanda que se podía xerar nos centros de saúde sairá dos mesmos. Ao respecto, o conselleiro dixo que Galicia foi das primeiras comunidades en poñer en marcha o covid-auto e en realizar cribados masivos en diferentes lugares da xeografía, contando na actualidade con 32 puntos habilitados para facer test de antíxenos, incluídas estacións de tren e aeroportos, sendo a única con dispositivos semellantes. Tamén a vacinación realizouse fóra dos centros de saúde, apostando polos recintos masivos. Ademais, reclutáronse 200 enfermeiras especialistas en vacinación, que foron substituídas por outras nos seus centros de orixe.
Xunto ao anterior, outras medidas para desconxestionar a primaria citadas polo conselleiro no Parlamento foron a emisión do certificado covid nas farmacias e a través de é-saúde e SergasMóbil; a activación de puntos administrativos nos grandes centros de vacinación para realizar tarefas relacionadas coas incidencias da vacinación; ou o feito de que Galicia foi a primeira en contar cunha aplicación para a lectura dos certificados. Así mesmo, contouse coa Central de Seguimento de Contactos para a enquisa inicial a cada positivo e para o seguimento de contactos estreitos.
A través dos convenios coas farmacias púxeronse a disposición 300.000 test destinados á poboación pediátrica, tamén para a realización de pcr de saliva dende hai xa un ano e para facer test de antíxenos, e a súa posterior inclusión no rexistro.
Unidas ás anteriores medidas para poder abordar a sobredemanda en primaria, a Xunta puxo en marcha a autodeclaración de positivos e reforzou o teléfono do coronavirus 881 54 00 45. Ademais, reducíronse para os casos leves ou asintomáticos as chamadas do persoal médico ou de enfermería e, dende a pasada semana, os profesionais poden tramitar de xeito automático as altas e baixas orixinadas pola covid.
O conselleiro sinalou que o teléfono do coronavirus tramitou no mes de xaneiro máis de 20.100 probas PCR aos cidadáns sen necesidade de pedir unha cita co médico, e as unidades móbiles e fixas de cribado detectaron 9.524 positivos nas máis de 138.000 probas realizadas nos puntos de cribado. Así mesmo, realizáronse 131.000 PCRs nos covid-auto. Pola súa parte, as oficinas de farmacia detectaron 3.171 positivos nos 122.445 test realizados e imprimiron un millón de certificados covid.
Por tanto, toda esta actividade realizouse fóra dos centros de saúde, -remarcou García Comesaña-.

Medidas de reorganización

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o máximo responsable da sanidade pública galega tamén destacou as medidas tomadas pola Xunta ao longo dos últimos anos para reorganizar a atención primaria. Entre estas iniciativas sinalou o seguimento dos pacientes a tratamento con anticoagulantes por parte do persoal de enfermería, ou a posibilidade de prescrición para doentes crónicos polos farmacéuticos de atención primaria.
Ademais, implantáronse as axendas de calidade do persoal médico e, nas vindeiras semanas, as de enfermería, o que permite aos profesionais contar con ocos axeitados segundo o tipo de cita. Tamén púxeronse en marcha os plans de saúde locais, que buscan dotar de maior autonomía aos centros, e están xa aprobadas as carteiras de servizos de medicina, enfermería, persoal de servizos xerais e traballo social.
Así mesmo, implantouse o CRM100, unha plataforma tecnolóxica que permite a xestión de chamadas que se reciben nos centros de saúde, que agora xa está despregada en 40 centros. Rematouse a pilotaxe de XIDE, un sistema de xestión da demanda que ten como obxectivo dar resposta nun tempo determinado a un motivo de consulta sen ter que pasar sempre polo persoal médico, utilizando, deste xeito, o potencial de todas as categorías que traballan en primaria. Do proxecto piloto despréndese que a maior demanda ten lugar naquelas cuestións que, aínda sendo actos sanitarios, teñen un carácter máis burocrático. Agora este sistema vaise pilotar en pediatría.
Queremos pasar, -dixo o conselleiro-, dun modelo onde maioritariamente se atende a demanda a outro máis proactivo, con máis prevención, atención aos pacientes crónicos e dependentes, participando todos os profesionais que forman parte de atención primaria.

Máis persoal

O responsable do Sergas agradeceu o seu traballo aos 86 médicos xubilados que se volveron incorporar ao servizo, fundamentalmente en labores de apoio no seguimento dos pacientes covid así como na tramitación das incapacidades temporais, de feito xa levan tramitadas nesta última semana máis de 6.000, -remarcou García Comesaña-.
O titular da carteira sanitaria tamén quixo destacar as medidas postas en marcha pola Xunta para contar con máis recursos en materia de persoal. Entre estas citou o contrato de continuidade que, nos actuais orzamentos, contempla 86 novas prazas para consolidar o persoal que supera os tres anos de vinculación co Sergas; ou a priorización en todas as ofertas de emprego das categorías de primaria, convocando dende 2012 un total de 8.112. Ao respecto, o conselleiro dixo que, a finais de febreiro, publicarase a convocatoria de máis de 1.000 prazas de enfermería. Ademais, a pasada semana solicitouse ao Goberno central a ampliación de 385 prazas de formación nas facultades de enfermería de Galicia para anticiparse ao déficit de persoal.
Xunto ao anterior, no marco do Plan Galego de Atención Primaria, dende o ano 2019 creáronse 331 prazas e, neste ano, incorporáronse nos orzamentos 81 prazas de enfermeria e 28 de farmacéuticos.
Outra das medidas que o conselleiro considera fundamentais para a reforma do primeiro nivel asistencial é a creación da categoría de facultativo especialista de primaria, iniciativa pioneira en todo o Estado que pretende ser unha vía para a incorporación inmediata de máis recursos.
Para rematar a súa intervención, García Comesaña dixo que a Xunta seguirá tomando medidas para mellorar as condicións dos profesionais que prestan os seus servizos na atención primaria do Sergas e agradeceu o traballo realizado por todo o persoal.
 

Imaxes relacionadas