O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, interveu hoxe na presentación do informe de BDO Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2022

A Xunta destaca o compromiso da Galicia empresarial e a súa capacidade de adaptación ao contexto actual

Conde apunta que do estudo se desprende que o 93 por cento das empresas consultadas afirma que as súas expectativas de evolución serán positivas en 2022

Destaca que nos nove primeiros meses de 2021 o investimento en Galicia medrou un 18,4 por cento, ata os 4844M€, con 618 operacións, un cento máis que no mesmo período de 2020

Lembra que, á espera de coñecer os datos de decembro, Galicia xa bateu o seu récord histórico de exportacións cun volume de máis de 23.100M€, sendo, ademais, a Comunidade coa balanza comercial máis positiva, próxima aos 4900M€

O informe indica que un 70 por cento das empresas galegas espera poder beneficiarse dos fondos Next Generation, polo que a Xunta pide sensibilidade ao Goberno para que cheguen a toda a cadea de valor do tecido produtivo e alcancen as pemes

Vigo, 25 de xaneiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, eloxiou hoxe o compromiso da Galicia empresarial e a súa capacidade para adaptarse ao contexto actual de transición dixital e enerxética a pesar das dificultades derivadas da crise da covid-19.

Durante a súa intervención na presentación do informe de BDO Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2022, Conde subliñou que, tanto a Xunta como o tecido empresarial galego, miran cara este novo ano cun optimismo moderado que convive coas incertezas propias da pandemia e con problemáticas conxunturais como a inflación, o encarecemento das materias primas ou os custos enerxéticos. De feito, lembrou que, á espera de coñecer os datos de decembro, Galicia xa bateu o seu récord histórico de exportacións cun volume de máis de 23.100 millóns de euros, sendo, ademais, a Comunidade coa balanza comercial máis positiva, próxima aos 4900 millóns de euros.

O vicepresidente económico apuntou que do estudo se desprende que o 93 por cento das empresas consultadas afirma que as súas expectativas de evolución serán positivas en 2022. E tamén que seis de cada dez asegura que xa recuperou a actividade precovid ou que a crise sanitaria non lles afectou significativamente.

De igual xeito, sinalou que empresas e capital privado, segundo o informe de BDO, consideran de forma maioritaria que a economía de Galicia vai evolucionar de forma positiva; e, en comparación con outras autonomías, o seu comportamento vai ser mellor, segundo o 60 por cento dos empresarios, e en liña co do conxunto do país segundo o 66,6 por cento dos investidores. De feito, o informe fala dun incremento do apetito investidor en Galicia nos nove primeiros meses de 2021, cando medrou un 18,4 por cento, ata os 4844 millóns de euros, con 618 operacións, un cento máis que no mesmo período de 2020.

Conde afirmou que, neste contexto, a Xunta está activando todas as pancas de crecemento necesarias: os Orzamentos para 2022, con 11.600 millóns de euros; o Plan estratéxico de Galicia 2030; a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia e a candidatura de proxectos galegos aos fondos europeos Next Generation. Ao respecto, subliñou que, de acordo ao informe, un 70 por cento das empresas galegas espera poder beneficiarse destas axudas. Por iso remarcou que a Xunta pide sensibilidade ao Goberno para que cheguen a toda a cadea de valor do tecido produtivo e alcancen, así, as pemes galegas.

Nese sentido, apuntou que a candidatura galega vai en liña cunha tendencia que revela o informe, onde o sector forestal aparece por primeira vez como un dos sectores máis atractivos para investir. Ao igual que pon de manifesto os datos de crecemento da industria biotech en Galicia, que pasou nunha década do 9,3 por cento de investimento en I+D biotecnolóxica ao 14,8%, ata os 92,4 millóns de euros.

“Estamos intentando favorecer que Galicia sexa atractiva para os investidores, tanto desde o punto de vista normativo —coa Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia—, como desde o punto de vista dos incentivos á innovación e ás empresas. Ese é o reto, e temos que facelo xunto ao tecido produtivo”, concluíu Conde.

Imaxes relacionadas