O Observatorio galego da familia e a infancia reforza a súa representación coa incorporación de Unicef

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a inclusión da entidade dedicada a garantir o cumprimento dos dereitos dos nenos

O órgano colexiado creouse en 2019 para asesorar, apoiar, analizar, estudar e propoñer actuacións en materia de familia e infancia
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a modificación da composición do Observatorio Galego da Familia e a Infancia coa incorporación do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef), unha entidade senlleira na protección dos dereitos da infancia. Este órgano colexiado creouse no 2019 co obxectivo de asesorar, apoiar, analizar, estudar e propoñer actuacións nesta materia.

O Goberno galego puxo en marcha este Observatorio para contar con todas as perspectivas posibles das necesidades das familias galegas e continuar avanzando nas políticas axeitadas nesta materia. Coa inclusión de Unicef, a Xunta segue a reforzar un ente que actúa na protección da infancia e no apoio aos gobernos e á sociedade civil para aplicar a Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos do neno e outras normas internacionais. Ademais, a axencia internacional colabora coas Administracións co fin de facer efectivos, entre outros, os obxectivos da Axenda 2030.
Como organismo internacional Unicef dedícase principalmente aos nenos, contribuíndo de xeito eficaz á loita contra a pobreza mediante labores de promoción e o establecemento de alianzas orientadas á supervivencia, o desenvolvemento e a protección da infancia. Así, un dos seus obxectivos é garantir o fiel cumprimento dos dereitos da infancia, proporcionándolles a todos os nenos do mundo alimentos, vestimenta, atencións médicas, vacinas, así como tentando satisfacer as súas necesidades.
A súa presencia en todo o mundo e o labor que desempeña na promoción da protección dos dereitos da infancia fan considerar a súa participación como necesaria na composición do observatorio, co fin de achegar a súa experiencia e coñecemento da realidade da infancia.

Sensibilización e avaliación

Entre as funcións que ten o Observatorio Galego da Familia e a infancia está promover a elaboración de plans e estratexias de familia, infancia e adolescencia; avaliar o impacto das políticas fiscais, laborais e sociais desenvolvidas polas Administracións; coordinar e harmonizar as actuacións das Administracións nestes ámbitos; ou sensibilizar á cidadanía no coñecemento e respecto dos dereitos da infancia.