Os alumnos de 150 centros de ensino galegos inician a recollida de pilas da terceira edición do concurso ‘Pilabot’ da Xunta

O alumnado terá seis semanas, ata marzo, para recadar estes residuos, un dos máis contaminantes que se xeran nos fogares

A campaña deste ano tamén prevé a celebración de talleres didácticos en medio cento dos colexios participantes e un concurso artístico para todo o alumnado

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia acaba de iniciar a terceira edición do concurso Pilabot en 150 centros de ensino galegos, co obxectivo de concienciar á mocidade galega sobre a importancia da reciclaxe de pilas.

O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

Os centros compiten entre si, ao longo de seis semanas lectivas, para acadar as mellores cifras de recollida de pilas, acumuladores e baterías en desuso, que son dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

Así, os catro centros que consigan recuperar o maior volume destes residuos repartiranse 7.500 euros, divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Paralelamente, tamén se están a celebrar talleres educativos en medio cento dos colexios participantes, para poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa na campaña Pilabot. De feito, o centro de ensino compostelán CEIP Monte dos Postes acolleu a celebración do primeiro taller, no que participaron 18 alumnos de 2º de primaria.

Así mesmo, unha das novidades é o novo formato do concurso artístico #EuSonPilabot, dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes. O vindeiro 17 de febreiro abrirá o prazo de inscrición, para o que haberá que enviar unha obra artística en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe das pilas e orientada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU. Este ano poderase participar en cinco categorías, correspondentes a cada un dos ciclos das etapas educativas de primaria e secundaria, e fixaranse cinco premios, que se outorgarán á mellor obra de cada categoría, as cales recibirán unha tablet.

Día mundial da educación ambiental

A Consellería de Medio Ambiente salienta esta iniciativa na antesala do Día mundial da educación ambiental, que se celebra mañá, 26 de xaneiro, e márcase como reto superar os bos resultados acadados durante a primeira e segunda convocatoria do concurso (2018-2019 e 2019-2020), nas que se recolleron, en total, case 100 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras que representan unha porcentaxe destacada das toneladas que se recompilan na comunidade autónoma anualmente.

Imaxes relacionadas