A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue reafirma o seu compromiso coa calidade ao renovar a certificación da norma ISO 9001:2015

ADOS aposta polos máis altos estándares de calidade no ámbito da sanidade, coa renovación dunha acreditación coa que conta desde 1998, a primeira concedida en España a un centro de transfusión

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) vén de renovar a súa certificación ISO 9001:2015, que lle foi outorgada pola entidade Lloyd’s Register Quality Assurance, amosando así o seu compromiso e traballo constante, que leva desenvolvendo ao longo dos anos, en favor da mellora continua na prestación do servizo, para acadar os niveis de calidade máis rigorosos e esixentes no campo da doazón de sangue e seguridade transfusional.

Áreas certificadas

O alcance da certificación ISO 9001:2015 abarca toda a estrutura da organización, desde a selección de doantes de sangue total e hemaférese, á extracción, separación, almacenamento, distribución, procesamento analítico e histocompatibilidade, criopreservación de compoñentes sanguíneos, ao banco de sangue de cordón umbilical e a promoción da doazón.
Este recoñecemento acredita que ADOS dispón dun sistema de xestión da calidade e boas prácticas que abrangue todos os procesos da organización, incluíndo as actividades levadas a cabo nos locais de doazón e unidades móbiles, que prestan diariamente o servizo de atención aos doantes de sangue en todas as áreas sanitarias de Galicia.
Esta certificación avala que o sistema de xestión desenvolvido e implantado por ADOS nas súas actividades se realiza coa indispensable implicación de todos os seus profesionais, conforme a uns requisitos de calidade, eficiencia, seguridade e mellora continua, tanto no que se refire aos procedementos de traballo como a recursos humanos e materiais, á satisfacción dos doantes e ao cumprimento da lexislación aplicable.

Centro pioneiro

No ano 1998 o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, hoxe integrado na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, converteuse no primeiro centro da súa categoría que obtivo en España a acreditación de calidade ISO 9002:1998. Dende aquela, a consecución desta certificación de calidade vén de ratificar a continúa preocupación de ADOS e da Consellería de Sanidade a prol da mellora continua nas súas institucións sanitarias.
 

Imaxes relacionadas