A Xunta salienta a contribución dos novos membros da Academia Xacobea para reforzar o estudo e investigación das peregrinacións a Santiago

Ingresan na entidade a profesora de Dereito Administrativo da USC e secretaria do Grupo Compostela Universidades, María Teresa Carballeira, e o investigador Luis Ferro

A Estrada (Pontevedra), 24 de xaneiro do 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na Sesión Solemne de apertura do curso 2022 e acto de ingreso dos novos académicos da Academia Xacobea. Trátase da profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago e secretaria do Grupo Compostela Universidades, María Teresa Carballeira, e do investigador Luis Ferro.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a traxectoria profesional de ambos e a súa “ampla bagaxe que de seguro dará como froito valiosas achegas no seo desta Academia”. En nome da Xunta, agradeceu a contribución da Academia Xacobea durante os últimos anos para achegar ao conxunto da cidadanía novos aspectos da peregrinación.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a necesidade de fomentar a investigación e a cultura xacobea tanto no ámbito académico como universitario e, por extensión, no conxunto da poboación, co obxectivo de “favorecer o coñecemento do que supón para Galicia contar co fenómeno xacobeo especialmente agora que estamos inmersos na celebración deste Ano Santo excepcional”. Por tanto, manifestou o compromiso do Goberno galego para seguir apoiando e impulsando a celebración de cando eventos e iniciativas permitan seguir facendo medrar a literatura e os estudos científicos e académicos arredor da cultura xacobea como é o caso da Academia Xacobea, que exerce como embaixadora do Camiño no mundo.
 

Imaxes relacionadas