O titular do Goberno galego asistiu hoxe ao acto de entrega dos II Premios Galicia de Innovación e Deseño

Feijóo afirma que a Xunta seguirá incentivando a Galicia innovadora cunha nova RIS3 que desde 2014 ten mobilizado máis de 1.900 millóns de euros e 6.700 axudas

Salienta que a nova Estratexia de Especialización Intelixente guiará o camiño ata 2027, co fin de chegar a todo o tecido empresarial, rompendo o teito de cristal para que pemes e sectores tradicionais se acheguen á I+D+i

Recorda que no 2020 Galicia mobilizou nesta materia máis de 640 millóns de euros

Felicita aos premiados por apostar pola innovación e o deseño para adaptarse ás novas demandas dos consumidores e mellorar a competitividade das empresas

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, durante o acto de entrega dos II Premios Galicia de Innovación e Deseño, que o Goberno galego seguirá incentivando a Galicia innovadora cunha nova RIS3 que, desde 2014, ten mobilizado máis de 1.900 millóns de euros grazas á colaboración público-privada e 6.700 axudas.

“Unha nova Estratexia de Especialización Intelixente que guiará o camiño ata 2027, co fin de chegar a todo o tecido empresarial, rompendo o teito de cristal para que pemes e sectores tradicionais se acheguen á I+D+i”, dixo, ademais de recordar que no 2020 Galicia mobilizou nesta materia máis de 640 millóns de euros.

Así mesmo, valorou a importancia que está a coller o deseño, ata o punto de que dúas de cada tres empresas enquisadas teñen profesionais do deseño contratados, considerando esta materia fundamental para a saúde das súas compañías.

Sobre este punto, salientou que a Xunta continuará tamén co desenvolvemento de iniciativas como o Programa Diferenza, para impulsar novos produtos, servizos e modelos de negocio que se constitúan como exemplos de deseño, así como a creación dunha Rede internacional de profesionais do deseño galego. “E este ano poremos en marcha unha nova convocatoria do Programa Deseña Peme, para axudar ás microempresas e pemes a mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade, a través da xestión do deseño estratéxico”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia de apostar pola innovación e o deseño para ofrecer produtos máis sustentables, adaptados ás novas demandas dos consumidores, e mellorar a competitividade das empresas.

Nesta liña, trasladou as felicitacións aos galardoados con estes premios: ao enxeñeiro Fernando Pérez, un dos promotores de Gradiant e cuxa carreira está marcada pola investigación; a Congalsa, líder en produtos elaborados do mar e comprometida co traballo cara á transformación dixital e a industria conectada; e a GalChimia, unha peme vinculada ao sector químico e que reviste de forma continua máis do 10% da facturación en actividades de I+D+i.

Na categoría de deseño, salientou o traballo de Desescribir, unha firma de dous arquitectos que realiza proxectos de identidade visual e deseño estratéxico para empresas innovadoras; a traxectoria de Damián Calvo, que forma parte do equipo de deseño de Samsung; e o desenvolvemento da empresa TMC Cancela, unha empresa que fabrica e exporta maquinaria para a agricultura, os montes ou de construción e que logrou multiplicar por oito a súa facturación desde 2008, apostando por un deseño diferencial.

Imaxes relacionadas