A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade clausurou hoxe a xornada organizada en colaboración coa Federación Galega da Construción, para explicar o alcance das medidas adoptadas para blindar os contratos das obras impulsadas pola Xunta

Ethel Vázquez salienta a necesidade dun cambio normativo estatal para garantir a viabilidade de todas as obras públicas e protexer o emprego ante a crise dos materiais

A conselleira destaca que a Xunta foi pioneira ao adoptar medidas para evitar retrasos e paralizacións nas obras en curso e salienta que outras autonomías, como Estremadura, decidiron replicar exactamente a mesma iniciativa legal

Insiste na necesidade de que o Goberno de España actúe para blindar todas as obras públicas e para evitar máis casos como o do contrato deserto que retrasará a modernización ferroviaria entre Lugo e Ourense

Lembra que están en xogo investimentos en grandes infraestruturas sanitarias e a execución dos fondos europeos de destinados á reconstrución da economía tras a pandemia

Preto de 120 representantes do sector da construción participaron hoxe no encontro no que o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, detallou a iniciativa impulsada para asegurar as obras contratadas polo Goberno galego

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe a necesidade dun cambio normativo de alcance estatal para garantir a viabilidade das obras públicas impulsadas polas distintas administracións e para protexer o emprego ante a crise de prezos e abastecemento dos materiais de construción.

Vázquez Mourelle clausurou a xornada organizada pola Federación Galega da Construción, en colaboración coa Administración autonómica, co obxectivo de explicarlle aos representantes do sector o alcance das medidas adoptadas para blindar os contratos das obras impulsadas pola Xunta de Galicia.

Na súa intervención, a conselleira destacou que o Goberno galego foi pioneiro ao adoptar medidas destinadas a evitar atrasos e paralizacións na execución das obras públicas como consecuencia da escaseza e da escalada de prezos nos materiais. Agora, outras comunidades autónomas, como Estremadura, están a replicar en termos exactos as medidas adoptadas pola Xunta.

Esas iniciativas, que están en vigor en Galicia desde o pasado 1 de xaneiro, permiten asegurar a viabilidade dos contratos impulsados pola Xunta actualmente en curso. Permiten establecer compensacións ás empresas adxudicatarias das obras públicas ante o incremento exponencial do prezo dos materiais.


Hai que ter en conta que na construción os materiais encarecéronse nos primeiros 6 meses de 2021 un 12%, o que representa, a mesma suba rexistrada entre 2007 e 2020, en 13 anos.

Vázquez Mourelle concretou que estas medidas son de aplicación naquelas obras en execución que rexistren unha variación de prezos dos materiais de, polo menos o 20% e causen unhas perdas superiores ao 6% do importe de adxudicación. Nestes casos é posible establecer ou ben unha “compensación” que evite a quebra do contrato ou autorizar unha modificación dos materiais, promovendo os recursos de proximidade, sempre e cando isto non implique unha merma na funcionalidade das obras.
A conselleira insistiu na necesidade de que o Goberno de España actúe, como Administración competente en materia de contratos públicos, para blindar todas as obras públicas. É necesario facelo, apuntou, para evitar que se produzan máis casos como o que se vén de coñecer do contrato deserto que retrasará a modernización ferroviaria entre Lugo e Ourense.

Ethel Vázquez lembrou que están en xogo investimentos en grandes infraestruturas sanitarias e a execución dos fondos europeos de destinados á reconstrución da economía tras a pandemia.

Preto de 120 representantes do sector da construción participaron no encontro no que o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, detallou a iniciativa impulsada para asegurar as obras contratadas polo Goberno galego.

Imaxes relacionadas