A Xunta impulsa o labor do Centro Comercial Histórico de Viveiro na dinamización dos negocios da localidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro coa directiva desta asociación, destacando a calidade e a diversidade do comercio viveirense

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou con máis de 120.000 euros nos últimos tres anos o labor da entidade, contribuíndo ao desenvolvemento de iniciativas que buscan atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen á cidadanía

Viveiro (Lugo), 24 de xaneiro de 2022.- O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe Viveiro, onde mantivo un encontro coa directiva do Centro Comercial Histórico. Durante a xuntanza, Heredia destacou o importante papel que xoga o comercio na economía do municipio e subliñou a calidade e a diversidade do comercio de proximidade viveirense.

A colaboración coas asociacións de comerciantes na dinamización e impulso ao sector é un dos eixos da actuación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que nos últimos tres anos apoiou con máis de 120.000 euros o labor da entidade de Viveiro.

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) os apoios concedidos por preto de 2,5 millóns de euros a 91 asociacións de comerciantes para impulsar o labor que realizan na dinamización e impulso da competitividade do sector. Na Mariña, ademais do centro comercial aberto de Viveiro, que nesta última convocatoria obtivo apoios por máis de 40.000 euros, resultaron beneficiarios os centros comerciais abertos de Ribadeo e de Foz, ademais de A Mariña Federación.

O obxectivo destas convocatorias é impulsar o comercio de proximidade nas vilas e cidades galegas mediante iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que desde o comercio se ofrecen aos consumidores.

Imaxes relacionadas