A Xunta e a EOI reforzan a súa colaboración para seguir a impulsar o emprendemento como vía de recuperación económica

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantén un encontro coa directora xeral, Nieves Olivera, e outros representantes da Escola de Organización Industrial para avaliar o estado dos proxectos conxuntos que se están a promover no contexto do acordo marco entre os dous organismos

Destaca a importancia dos novos coworking, que este ano sumarán 11 espazos deseñados para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento

Estes lugares de traballo permitiron impulsar desde a súa posta en marcha 700 iniciativas emprendedoras en Galicia, aspirando, este ano, a sumar outros 220 proxectos
 

Santiago, 24 de xaneiro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, vén de manter un encontro con Nieves Olivera, directora xeral da Escuela de Organización Industrial (EOI), e outros representantes do organismo, na procura de avaliar o estado dos distintos proxectos conxuntos que se están a promover no contexto do acordo marco entre os dous organismos. Unha colaboración que, como explicou Guldrís, busca reforzar a aposta polo emprendemento na procura de consolidar o seu papel como “vía de recuperación económica tras a pandemia”.

“Temos unha Galicia emprendedora que sabe como innovar, e o que queremos e facilitarlles ese camiño que se traduce na mellora competitiva do noso tecido produtivo”, expuxo Guldrís. Un escenario no que destacou os espazos coworking, lugares de traballo destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento.

Estes espazos, proxecto conxunto que veñen desenvolvendo a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, e a Escuela de Organización Industrial, buscan aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar 700 novos proxectos emprendedores en Galicia.

Para dar continuidade a este traballo, os novos talleres facilitarán, ata finais de 2022, a posta en marcha de 220 iniciativas empresarias. En total habilitaranse 11 espazos, con catro novas ubicacións, das que tres se atopan na provincia de Ourense -nas comarcas do Carballiño, Valdeorras (A Rúa) e na Tecnópole (San Cibrao das Viñas)-, e outra na comarca do Deza (Lalín). Así mesmo, mantéñense sete espazos: tres en Lugo: na Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), na Mariña (Mondoñedo)e en Palas de Rei; outro máis en Pontevedra, no Salnés (Vilanova de Arousa); e tres na Coruña: en Ferrolterra (Ferrol), Santiago e na Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

Estes coworking contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

Así mesmo, a reunión permitiu tamén avaliar as posibilidades que ofrecen outras accións que se están a desenvolver no contexto do acordo marco do Igape e a Escuela de Organización Industrial, como os Activa StartUp, ou o Activa Industria 4.0.

Ditas iniciativas configúranse como ferramentas que permiten desenvolver proxectos de colaboración para impulsar a competitividade e o crecemento empresarial, permitindo ás empresas facer fronte aos custos asociados aos procesos de innovación.
 

Imaxes relacionadas