A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou esta actuación, que transformará unha vía de aspecto “duro” pola influencia industrial, nunha rúa humanizada, integrando os viarios na trama urbana, podendo ser usados polos veciños nos seus desprazamentos a pé

Ethel Vázquez salienta que as obras de ampliación do acceso ao polígono de Sabón, en Arteixo, están executadas ao 60% e rematarán en maio, logo dun investimento da Xunta de 6,3 M€

Actualmente, 22 operarios e 11 máquinas traballan nas obras, que consisten na duplicación de carrís ao longo da avenida da Deputación, desde a glorieta de Sabón ata a intersección coa avenida da Enerxía e coa avenida da Ponte

Co obxectivo de mellorar a fluidez de tráfico, constrúense dúas “turboglorietas” nos cruces coas avenidas do Embalse e da Moda, que facilitan as interseccións sen alterar a circulación pola vía principal

Arteixo (A Coruña), 24 de xaneiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que as obras de ampliación da capacidade e humanización do acceso ao polígono de Sabón, en Arteixo, están executadas ao 60% e se rematarán en maio, logo dun investimento da Xunta de 6,3M€.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe os traballos iniciados en xaneiro do pasado ano e que se atopan en plena execución. Nestes momentos están traballando 22 operarios e 11 máquinas nas obras, que consisten na duplicación de carrís ao longo de toda a avenida da Deputación, desde a glorieta de Sabón ata a intersección coa avenida da Enerxía e coa avenida da Ponte.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor esta actuación no principal acceso a unha das áreas industriais máis potentes da área da Coruña e tamén de Galicia, lembrando que é froito da colaboración co Concello de Arteixo. O obxectivo, apuntou, é dotar o polígono das mellores comunicacións posibles e ofrecer solucións ás retencións que se producen en horas punta, coa entrada e saída dos traballadores.

Coa intervención dotarase este acceso ao polígono de 4 carrís de circulación en todo o trazado entre a intersección da avenida da Deputación coa avenida da Ponte e a glorieta elevada de Sabón na que, tamén se levan a cabo actuacións de conservación, co pintado das partes metálicas. Ademais na actuación desdóbranse os carrís, para garantir unha maior fluidez no tráfico, reordénanse as interseccións: habilitando 2 turboglorietas, nos cruces coas avenidas do Embalse e da Moda, que facilitarán as entradas e saídas na vía principal sen interferir o tráfico que circula de forma continua.

Ademais, grazas ás actuacións previstas para a mellora das beirarrúas e o axardinamento, a conselleira destacou que esta actuación transformará unha vía visualmente “dura” pola influencia industrial, nunha rúa humanizada, integrando os viarios na trama urbana e que poidan ser empregados polos veciños nos seus desprazamentos habituais a pé, tamén cara ás praias.

Concretou que para acometer as obras os traballos dividíronse en 3 zonas, con accións específicas en cada unha delas. Así, o treito entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, contará cun carril adicional cara á Coruña, con conexión directa co ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda; o que mellorará os tráficos, fundamentalmente dos vehículos pesados. Habilitaranse, tamén, beiravías e beirarrúas e disporase aparcadoiro en liña nunha zona.

No treito entre as avenidas do Embalse e da Moda, tamén se habilitará aparcadoiro en liña, beirarrúa e beiravías, ademais da execución de muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes. E na zona entre a avenida da Moda e a da Enerxía, dotarase de beirarrúas e beiravías ambas as marxes.

Nas obras acometeranse tamén traballos de drenaxe, unha rede soterrada de colectores para a recollida das augas da chuvia, con sistema de tratamento por decantación hidrodinámica; muros de contención, ademais de renovar as luminarias na avenida da Deputación.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que as obras están moi avanzadas e resta, fundamentalmente, a execución de parte dos muros de contención e a reposición de servizos que precisan previamente de retranqueos.

Tamén falta a execución do pavimento e capa de rodaxe; o acabado de beirarrúas e ramplas de acceso; o axardinamento de zonas verdes e a integración paisaxística das glorietas, que seguirá o modelo que se vén empregando desde a Xunta, cunha imaxe identificativa que ofrece valor engadido á contorna.

Ethel Vázquez remarcou o esforzo de planificación realizado con estas obras, procurando minimizar en todo momento a afección ao parque industrial, mantendo reunións de seguimento cos empresarios, e traballando para reducir os prazos, posto que inicialmente estaba fixado o fin das obras en agosto de 2022.

Ethel Vázquez puxo en valor o traballo da Xunta para ofrecer infraestruturas e solo máis axeitado ás empresas para o desenvolvemento da súa actividade, mirando polo desenvolvemento empresarial de Arteixo e desta área. A este respecto, referiuse á posta en servizo da glorieta sobreelevada de Sabón, cun investimento de máis de 11 M€; o investimento de 1,3 M€ destinado á ampliación da avenida de Vilarrodís ou a execución do acceso ao polígono de Morás, cun investimento de 4,4 M€ para dotar dunha mellor conexión coa A-6 e a AG-55.

A conselleira tamén avanzou que en breve se iniciarán as obras para reforzar o sistema de abastecemento a Arteixo e ao polígono de Morás, que executa a Xunta e financia o Concello de Arteixo, cun investimento de máis de 3 M€. Neste momento estase cos traballos previos ao inicio da obra, que se prevé comezar a principios de febreiro.

Imaxes relacionadas