A Xunta lanza unha nova liña de apoio aos museos para impulsar a actualización e conservación dos fondos e mellorar a súa difusión

Convoca axudas a concellos e entidades privadas sen animo de lucro que sexan titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación

O DOG publica as bases da iniciativa á que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 200.000 euros no marco dos obxectivos da Lei de Museos

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de lanzar unha nova liña de axudas específica de apoio aos centros museísticos galegos coa intención de mellorar e actualizar os seus fondos así como para facilitar as tarefas de conservación, investigación e difusión. O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria dotada de 200.000 euros, coas que se dá continuidade ao traballo do Goberno galego iniciado coa aprobación en 2021 da Lei de Museos de Galicia para impulsar estes centros.

As axudas están dirixidas a entidades locais e privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia que cumpran os requisitos establecidos na orde.

Ao abeiro desta liña sufragaranse actividades dirixidas a inventariar, catalogar e documentar os fondos da colección permanente así para como para a adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos. Tamén se apoiará as accións que servan para actualizar a exposición permanente e organizar exposicións temporais, deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación, promovendo o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero.

Ata o 21 de febreiro

A orde de axudas tamén se centra en apoiar a creación ou renovación da páxina web do centro, así como traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas e apoiar o plan de difusión e comunicación dos centros museísticos.

As axudas convocadas para o 2022 terán unha contía total de 200.000€, dos que 100.000 € estarán destinados a entidades locais e os outros 100.000 € a entidades sen fin de lucro. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 7.000€ por proxecto, que en ningún caso poderá exceder do 80% do investimento total aprobado. Poderán presentarse ata o 21 de febreiro. Para ofrecer información e resolver dúbidas ás entidades locais e entidades sen fin de lucro, serán convocados para un webinario nos vindeiros días.

Reforzo da formación

Estas axudas dan continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso dos centros museísticos tras a aprobación, en 2021 da Lei de Museos de Galicia, coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das 87 institucións museísticas rexistradas na nosa Comunidade, tanto públicas como privadas.

Ademais a Xunta dá resposta aos obxectivos de 2022 para mellorar o acceso á cultura da cidadanía a través dos museos, bibliotecas e arquivos con proxectos como estes, que promovan actividades nos museos e tamén a través dun reforzo na contratación de persoal en formación. Neste sentido, este ano se duplican as bolsas de formación en materia de museos, das que poderán beneficiarse 20 persoas, fronte ás oito da convocatoria anterior cun orzamento de 114.000€.

Imaxes relacionadas