A Xunta incorporou nos últimos anos 26 retinógrafos aos centros de saúde no marco do Plan galego de Atención Primaria

Estas adquisicións elevan por riba de 50 o total de equipos nos centros de primaria, que permitiron a realización de máis de 10.500 retinografías no 2021

O Conselleiro de Sanidade destaca o labor formativo da Sociedade Galega de Oftalmoloxía, que permite que os profesionais poidan sacarlle o máximo partido a estes equipamentos
 

Santiago, 22 de xaneiro de 2022

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou este sábado na 48ª edición da Reunión da Sociedade Galega de Oftalmoloxía. Ademais de loar o labor da entidade, tamén puxo de manifesto o seu compromiso coa transferencia do coñecemento. Así, salientou a aposta pola formación continua dos profesionais e indicou que eses coñecementos redundan no fortalecemento do sistema sanitario.

Dende a Xunta establécese un compromiso cos retos que se presentan neste campo: o servizo de e-Interconsulta electrónica facilita o traballo dos profesionais da Atención Primaria, ao tempo que evita as derivacións á atención hospitalaria e os desprazamentos dos pacientes. No caso dos servizos de Oftalmoloxía esta modalidade de consulta non presencial está instaurada en todas as áreas e no 2021 realizáronse un total de 6.302 interconsultas.

Apóstase pola formación en Retinografías na Atención Primaria. O ano pasado realizáronse 2 edicións. Unha formación que contribúe a que os profesionais poidan sacarlle o máximo partido aos novos equipos que se están a adquirir.

Destináronse máis de 8,5 millóns de euros á renovación do equipamento sanitario, electromédico e mobiliario dos centros de saúde, no marco do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021. Dentro destes orzamentos comprendíase a adquisición de 26 retinógrafos, cun investimento de máis de 500.000 euros, elevando a máis de 50 o número destes equipos presentes nos centros de saúde de todas as áreas.

A presenza en Atención Primaria destes equipos e de profesionais formados para utilizalos permitiu no ano 2021 a realización de máis de 10.500 retinografías.

No ámbito dos hospitais comarcais avanzouse na incorporación á área de oftalmoloxía de equipos como un Tomógrafo de Coherencia Óptica e un Biómetro.

Por outra banda, no Servizo de Oftalmoloxía do Hospital de Cee fíxose o anuncio hai uns meses da posta en marcha das consultas de retina médica e tratamentos intravítreos que afectan á retina. Medidas que buscan a redución dos desprazamentos dos pacientes.