A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde, Alberto González, mantiveron unha reunión esta mesma semana

A Xunta e o Concello de Valdoviño abordan a oportunidade das axudas de patrimonio natural no marco da candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal

Ángeles Vázquez recorda que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural habilitou unha orde de incentivos para apoiar actuacións e proxectos que melloren e conserven as condicións dos espazos naturais incluídos en Rede Natura 2000

A conselleira e o rexedor tamén analizaron a importancia de establecer canles de colaboración para evitar o turismo invasivo de caravanas nas áreas protexidas

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Valdoviño abordaron a oportunidade que supoñen para o municipio as axudas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, sobre todo no momento actual, coa candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal en marcha.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Alberto González, mantiveron unha reunión esta mesma semana na que a representante do Goberno galego lle recordou que a Dirección Xeral xestiona varios programas de axuda para apoiar a concellos, asociacións e particulares na posta en marcha de actuacións que conserven e poñan en valor as características dos espazos naturais.

A modo de exemplo, falaron da liña de axudas que se acaba de convocar para actuacións en municipios localizados na Rede Natura 2000 e que contempla proxectos para restaurar humidais, eliminar especies exóticas invasoras, preservar a vexetación de ribeira, restaurar cercas ou muros de cachotería e cantería, a creación de rutas e áreas recreativas ou recuperar elementos históricos patrimoniais ou culturais, como son os hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes. O prazo de solicitudes está aberto ata o 14 de febreiro e, no caso concreto dos concellos, poden optar a axudas de ata 20.000 euros.

Así, a conselleira salientou que as melloras que se acaden redundarán positivamente na candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal, promovida por sete concellos.

De feito, onte mesmo na Feira Internacional de Turimo (Fitur), a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, felicitou aos sete rexedores polo traballo realizado ao longo destes meses para enriquecer a proposta e reiterou a colaboración e apoio dos diferentes departamentos da Xunta, que xa achegan financiamento para impulsar o desenvolvemento desta zona.

Así mesmo, a conselleira e o alcalde estiveron de acordo na necesidade de establecer canles de comunicación entre ambas administracións para evitar o turismo invasivo de caravanas que se rexistra nalgúns concellos costeiros, como é o caso de Valdoviño. Ambos coincidiron na necesidade de articular medidas que garantan un equilibrio entre o uso e a conservación destes espazos naturais.

Imaxes relacionadas