Sanidade convoca axudas para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes drogodependentes e de carácter sociosanitario

As primeiras diríxense á realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias na nosa comunidade

No caso das axudas vencelladas aos programas de carácter sociosanitario inclúense actividades asociadas ao dano cerebral adquirido, enfermidades raras ou trastorno do espectro autista, entre outras
 

Santiago, 22 de xaneiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde da Consellería de Sanidade pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas en réxime de concorrencia competitiva ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias na nosa comunidade. Para o financiamento destas subvencións prevese un crédito inicial de 253.000 euros. Na convocatoria anterior o importe situábase en 230.000.

Apoiar as persoas que seguen un tratamento para desafacerse de trastornos aditivos e facilitar a súa incorporación social ou promover unha vida autónoma en ámbito residencial atópanse entre os principais obxectivos desta convocatoria.

As beneficiarias serán entidades sen ánimo de lucro que terán que estar inscritas no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.

Tamén terán que ser titulares ou responsables dunha vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados nas unidades asistenciais de drogopendencias e estar autorizadas desde dous anos antes polo servizo correspondente da Consellería de Política Social. A lista completa de requisitos pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Convocatoria de subvencións para a realización de programas de carácter sociosanitario no 2022

Así mesmo, tamén se publicou a convocatoria de subvencións a entidades privadas sen ánimo de lucro destinadas a executar programas de carácter sociosanitario cun crédito inicial de 250.000 euros, na convocatoria anterior destas axudas prevíase un crédito de 178.269 euros. Estes programas diríxense á realización de actividades no proceso de atención sociosanitaria asociadas ao dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas.

Estas axudas promoven o aumento da autonomía das persoas que compoñen estes colectivos e tentan paliar as posibles limitacións e favorecer a súa rehabilitación e integración.

Para que unha institución poida ser beneficiaria terá ser unha entidade privada sen ánimo de lucro e incluír entre os seus fins estatutarios realizar actividades de apoio e axuda ao colectivo ao que se dirixen os programas de atención sociosanitaria.

Tamén deberá estar legalmente constituída polo menos dous anos antes da data de publicación da convocatoria e dispoñer dunha sede central ou delegación permanente en Galicia. A lista completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación tamén será dun mes a partir do día seguinte á publicación da correspondente orde no Diario Oficial de Galicia.